Todo preparado en Guitiriz para ver en directo ás futuras estrelas do fútbol sala feminino

TerraChaXa
Todo preparado en Guitiriz para ver en directo ás futuras estrelas do fútbol sala feminino español este martes 27
Presentacion Espana Portugal futbol sala guitiriz
Presentacion Espana Portugal futbol sala guitiriz
21 jun 2023

Os combinados sub-17 de España e Portugal disputarán un encontro internacional o vindeiro martes 27 ás 19:00 horas no Pavillón Municipal.

Guitiriz xa ten todo preparado para vestirse de gala e acoller, o vindeiro martes 27 de xuño, ás futuras estrelas do fútbol sala feminino español. O pavillón municipal Jonathan Carro Paz acollerá, a partires das 19:00 horas, un partido internacional entre os combinados sub-17 de España e Portugal.

A cita foi presentada esta mañá na Casa Habanera pola alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira. A rexedora estivo acompañada polo xefe do Servizo de Deportes de Lugo da Xunta de Galicia, Manolo Cadramón; a seleccionadora nacional feminina, Clàudia Pons; e o responsable de fútbol sala da Federación Galega, Pablo Prieto.

“Para nós é un pracer acoller este evento que permitirá darlle pulo ao fútbol feminino. Hai que poñer en valor o deporte, ten que ser algo transversal da nosa sociedade”, destacou Morandeira, que sinalou que “ter en Guitiriz ás futuras campioas do mundo é un orgullo”.

“Somos unha terra que acolle a todo o mundo de marabilla e animamos a todos os nenos e nenas do municipio e de municipios limítrofes a que veñan”, engadiu a rexedora, que puxo en valor o feito de que a selección nacional contase coa guitiricense Yanira Guizán.

Pola súa banda, Manolo Cadramón recoñeceu que poder acoller este partido é “ilusionante” e recalcou que é unha grande oportunidade para que os afeccionados e afeccionadas ao fútbol sala se acheguen a Guitiriz para desfrutar tamén “da súa gastronomía”. “O fútbol sala está moi patente na provincia de Lugo”, lembrou.

Mentes, a seleccionadora tamén puxo en valor ese vínculo entre a provincia de Lugo e o fútbol sala. “Va a ser muy interesante porque estamos empezando a construir nuestra selección. Va a ser muy interesante y esperemos que el pabellón se llene y nos acompañen”, apuntó Clàudia Pons.

Por último, Pablo Prieto quixo recalcar que a Federación Galega puxo “todo o empeño para que non falte o máis mínimo detalle”. “Sempre que a Federación Española vén aquí é recibida cos brazos abertos”, apuntou el responsable de la Futgal, que lembrou que o combinado español contará con tres xogadoras galegas: Emma, Aroa e a citada Yanira.

Concentración desde o domingo

A maiores do encontro, tanto a selección española como a portuguesa estarán concentradas en Guitiriz desde o domingo 25 e ata o xoves 29. As xogadoras e os staffs técnicos hospedaranse no balneario da localidade. O partido do martes terá entrada gratuíta.