O cabeza de lista do PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou o inicio da contratación da A-74 para o vindeiro ano

AMariñaXa
O cabeza de lista do PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou o inicio da contratación da A-74 para o vindeiro ano
Foto dos candidatos cos alcaldes, concelleiros e portavoces de varios concellos da Mariña
Foto dos candidatos cos alcaldes, concelleiros e portavoces de varios concellos da Mariña
7 jul 2023

Gómez Besteiro insistiu en que “co PP  a Mariña sempre perde. Vímolo con Alcoa, con Altri e coa VAC. Só hai un voto útil que defende á comarca: o Partido Socialista”.

José Ramón Gómez Besteiro, candidato número 1 ao Congreso polo Partido Socialista de Lugo, anunciou o compromiso de Pedro Sánchez para iniciar a contratación das obras da Autovía da Mariña, a A-74, o próximo ano. “O inicio da contratación do primeiro tramo será no 2024, respondendo a unha demanda histórica da Mariña porque é unha infraestrutura clave para a mobilidade da Comarca e para o seu progreso social e económico. Falamos dun trazado de 33,5 quilómetros entre Barreiros e San Cibrao, clave para vertebrar e facer progresar á Mariña. Así o explicou nun encontro cos medios no que estivo acompañado por os candidatos ao Congreso e ao Senado César Mogo, Patricia Otero e Carmela López, así como as alcaldesas e alcaldes de Foz, Viveiro, Trabada, Lourenzá, Ourol, A Pontenova e Barreiros e varios concelleiros e voceiros de Mondoñedo, Cervo, Xove, O Vicedo e Riotorto.

“A diferenza de Feijóo, Pedro Sanchez non só se acorda da Mariña en eleccións, a A-74 é unha prioridade para o Goberno socialista e así o demostrou incluindo este ano 2 millóns de euros nos Orzamentos para a redacción dos proxectos nos treitos Barreiros-O Carme, o Carme-Foz e Foz-Burela e para contratar e iniciar a redacción do proxecto do treito Burela-San Cibrao”.

Gómez Besteiro afirmou que “é curioso como o PP sempre reivindica en campaña electoral as mesmas infraestruturas que o seu partido ignorou, paralizou e bloqueou durante os seus últimos sete anos á fronte do Goberno de España”, subliñou. En relación con isto, advertiu que “xa sabemos o que pasará se Feijóo chega ao Goberno, o mesmo que pasou coa VAC Costa Norte, hoxe parada e onde retoñan os eucaliptos. Os proxectos da Mariña volverán ao caixón. Co PP, A Mariña perde”.

A VAC Costa Norte

Precisamente, ao respecto da VAC Costa Norte que conectaría San Cibrao con Ferrol, o candidato socialista afirmou que “o Goberno de Pedro Sánchez comezará a construír a Autovía da Mariña antes de que a Xunta do Partido Popular remate coa tan ansiada variante, unha variante convertida a día de hoxe nun eucaliptal”.

“O desprezo do PP aos mariñáns fixo que levemos 14 anos perdidos, pois ano tras ano aparecen partidas nos orzamentos para esta infraestrutura, pero nunca executan nin un só euro. Un proxecto bloqueado sistematicamente polo señor Feijóo e que o actual presidente autonómico amosa a mesma vontade de boicotear“, lamentou Gómez Besteiro.

Neste senso, lembrou que “na provincia de Lugo só hai un tramo feito desta estrada, inaugurado en 2017 con moito atraso e que fora contratado oito anos atrás por un Goberno da Xunta presidido por un socialista, Emilio Pérez Touriño”.