Skip to main content
Cervo

San Cibrao celebrará as Festas do Carme esta fin de semana

Por 12 Xullo, 2023Sin comentarios

San Cibrao celebrará as Festas na Honra da Virxe do Carme a fin de semana do 14 de xullo. Arrincará coa festa do Mexillón que organiza a asociación Amigos da Maruxaina. Será a partir das 20:00 horas na Praza dos Campos. A continuación, Disco Móbil Chocolate e Disco Móbil Conxuro, encargaranse de amenizar a Festa da Xuventude.

O sábado 15, a sesión vermú correrá a cargo da orquestra La Dimensión, a partir das 14:00 horas. Á noitiña, ás 21.00 está prevista unha misa solemne na Igrexa Parroquial de Lieiro cantada pola coral Terramar; seguida da procesión do Carme ata o peirao, acompañada da agrupación musical Dambara-San Inocencio de Burela; unha cita tradicional que organiza a Asociación Mar de San Ciprián. A continuación, a orquestra La Dimensión  e o Grupo Arizona serán os protagonistas da verbena.

Xa o domingo 16, haberá de novo misa solemne ás 13.00 horas no peirao cantada pola coral Terramar; á que seguirá unha ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos a cargo de Lidia Pernas.

A continuación, será a procesión da virxe do Carme ata a Igrexa de Lieiro acompañada polo grupo de gaitas A Rebolaxe, organizada pola asociación Mar de San Ciprián.

A sesión vermú este día será protagonizada polo Grupo Zona Zero; que repetirá na verbena co grupo América SL, desde as 23.00 horas.

O luns 17 rematarán os festexos co Día do Neno, a partir das 19:00 horas, na Praza dos Campos. A decoración floral destas Festa do Carme correrá a cargo da asociación Mulleres de San Ciprián.

Aquelas persoas que desexen colaborar cos festexos, poden deixar as súas aportacións no Banco Santander, na conta rexistrada a nome da asociación Anxuela, ou na Casa da Cultura.

O Concello de Cervo convida a veciños e visitantes a participar das diferentes actividades programadas durante a próxima fin de semana e agradece ás diferentes asociacións e colectivos a súa implicación para levar adiante unha festa tan arraigada en San Ciprián, como vila mariñeira.

A cita foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, pola concelleira de Muller e Igualdade, Pilar Armada, e por representantes das diferentes asociacións e colectivos do municipio que participan: Mar de San Ciprián, Mulleres de San Ciprián, Amigos da Maruxaina, A Rebolaxe e a Coral Terramar