Skip to main content
BarallaO Corgo

Dous colectivos investigadores localizan dous novos xacementos no Corgo e Baralla

Por 11 Xullo, 2023Sin comentarios

A asociación de recreación histórica Tir Na n´Og e o colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de comunicar a Patrimonio da Xunta de Galicia a localización de dous novos xacementos arqueolóxicos nos concellos do Corgo e Baralla.

O primeiro foi na parroquia de Cerceda (O Corgo), a unha altitude de 400 metros, no monte coñecido co evocativo nome de O Castrillón onde puidemos comprobar a existencia dunha estrutura circular duns 50 metros de diámetro cun parapeito que a circunda en todo o seu perímetro de 3-4 metros de ancho e unha altura que en ningún caso sobrepasa o medio metro. Atópase cuberto pola maleza. A imaxe onde mellor se aprecia é a do voo americano do ano 1956-57.

Nos últimos anos están a documentarse en Galicia varios destes enigmáticos círculos (ata o momento detectáronse pouco máis de medio cento). Polo de agora descoñecese cal sería a súa función pero pode que estean vencellados a algún tipo de ritual, sen desbotar o funerario, ou que se trate de lugares onde as sociedades prehistóricas se xuntaban para facer reunións de tipo político, social ou relixioso. O primeiro documentado en Galicia foi o famoso da Roda de Barreiros onde xa se efectuou algunha intervención onde, como resultado das análises radiocarbónicas, fixouse o momento da súa construción no Bronce Medio (séculos XVII e XVI a. C.). O último documentado ata o presente localizámolo o pasado mes de xaneiro, tamén no concello de O Corgo, que xa foi catalogado pola Xunta de Galicia.

Estes xacementos, que ata non hai moito tempo tiñánse como castros, poden considerarse como excepcionais se temos en conta que fóra das Illas Británicas, que saibamos, non se tiñan localizadas este tipo de estruturas polo que consideramos a necesidade da realización de estudos e escavacións que permitan despexar os enigmas que plantexan estas sorprendentes estruturas que poden achegar novas informacións sobre a prehistoria de Galicia. Ademais, é moi posible que varios castros, catalogados como tal, non o sexan e se trate de círculos cunha cronoloxía anterior.

O segundo xacemento arqueolóxico documentámolo na parroquia de Vilachambre, no concello de Baralla. Trátase dun castro situado a 655 metros de altitude, coñecido como Monte Celo, alusión a un monte pouco elevado, se ben hai quen o interpreta, cremos que erradamente, como “Monte do Ceo”. De forma tirando a ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 190 por 170 metros o que o converte no de maiores dimensións localizado ata o presente no municipio. Hai anos, a súa croa foi utilizada para tarefas agrícolas o que ocasionou a perda de gran parte da muralla que o circundaba, conservándose na actualidade só a parte que o pechaba polo este. Hoxe en día está cuberto de árbores e maleza. Moi cercanos, nun radio de un quilómetro, hai outros tres castros: A Croa, Teixeira e O Reguendo. No municipio, ata o presente, están inventariados 43 castros.