Guitiriz acolle este mes uns obradoiros para fomentar o uso da tecnoloxía entre a rapazada

TerraChaXa

A Aula CeMIT de Guitiriz acollerá en agosto uns obradoiros para fomentar un uso creativo da tecnoloxía entre a rapazada.

cursos steam aula cemit guitiriz portada
cursos steam aula cemit guitiriz portada
18 jul 2023

A Aula CeMIT de Guitiriz acollerá en agosto uns obradoiros para fomentar un uso creativo da tecnoloxía entre a rapazada.

A primeira quenda será o venres 11 de agosto para idades de entre 8 e 11 anos e a segunda o venres 18 de agosto para idades de entre 12 e 15 anos. Haberá un máximo de 10 prazas.

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), dentro do convenio de colaboración que mantén coa AMTEGA, dá inicio ao programa Girl Steam, unha actividade para espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a rapazada de entre 8 e 15 anos a través de obradoiros prácticos impartidos a través da rede de Aulas CeMIT de Galicia nun total de 15 concellos.

A primeira parada deste itinerario foi o 4 de xullo en San Sadurniño e a clausura organizarase no GaiásTech, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o vindeiro 8 de setembro. Participan tamén durante os meses de xullo e agosto os concellos de Leiro, Betanzos, Ribeira, Ortigueira, A Estrada, Oroso, Celanova, Cuntis, Guitiriz, Valga, Barreiros, Ribadeo e Vigo.

A formación está encamiñada a impulsar actividades de mentorado en idades temperás, especialmente dirixidas ás nenas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos Steam. O traballo realizarase a través de obradoiros formativos prácticos onde poder experimentar coa tecnoloxía, incorporando as Artes ao tradicional itinerario Stem (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).

Co obxectivo de ofrecer contidos plenamente adaptados aos distintos grupos de idade participantes no Girl Steam 2023, a organización do evento deseña para a primeira franxa de idade (8-11 anos) unha actividade por equipos a partir dun circuíto de luces LED para que se constrúa unha historia, fotograma a fotograma, e a partires de aí presentar unha peza audiovisual en formato stop motion.

Para o grupo de 12 a 15 anos, o traballo estará enfocado á creación de tecidos intelixentes. Haberá programación de sensores con Arduino para construír, por grupos, un proxecto sobre unha prenda téxtil que reacciones aos cambios ambientais, de distancia, luz, inclinación, etc.

cursos steam aula cemit guitiriz