Skip to main content
Uncategorized @gl

O plan de defensa contra incendios de Galicia presenta melloras tecnolóxicas e un completo plan de formación

Por 23 Xullo, 2023Agosto 7th, 2023Sin comentarios

Entre as novidades deste ano destaca a creación dunha unidade especializada en grandes incendios forestais, que estará apoiada por tres novas brigadas públicas helitransportadas operativas todo o ano, e a ampliación da rede de videovixilancia forestal, coa incorporación de novas melloras tecnolóxicas e o reforzo do Plan de formación

Foi aprobado o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2023) que estará vixente ata que se aprobe unha nova actualización no vindeiro ano.

Este documento ten como principal obxectivo reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais.

Este Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia actuará en varios ámbitos diferentes. O primeiro será o da prevención, o segundo o da detección, disuasión, investigación e medidas correctoras. O terceiro o da extinción e o cuarto o da formación; pero incorporando unha serie de novidades como a creación dunha unidade de directores de extinción especializada en grandes incendios forestais, tres novas brigadas públicas helitransportadas, a ampliación da rede de videovixilancia forestal, a incorporación de novas melloras tecnolóxicas, a actualización das parroquias de alta actividade incendiaria e o reforzo do Plan de formación.

EQUIPO ESPECIALIZADO

Entre as novidades, vaise crear unha unidade de directores de extinción que, en lumes con elevado potencial de converterse en gran incendio forestal, poderán ser mobilizados polo Centro de Coordinación Central de Incendios, para así facilitar o correcto desenvolvemento do dispositivo. Estará formada por persoal de diferentes categorías como son técnicos, axentes, bombeiros forestais, emisoristas…, que terán dependencia funcional directa da Dirección Xeral de Defensa do Monte. As características do incendio serán as que determinen a composición da unidade, non habendo límite de persoal e categoría a incorporar en función das necesidades e dispoñibilidade.

Así, este ano vanse crear tres novas brigadas públicas helitransportadas nas bases do Barco de Valdeorras, no Xurés en Muíños, e en Queimadelos en Mondariz, e que se sumarán ás xa existentes nas bases de Marroxo, en Monforte, Campiño en Pontevedra, e Vilamaior en Verín.

Este documento ten como principal obxectivo reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais. 

Estas brigadas helitransportadas , que contarán con medio cento de efectivos para cubrir as diferentes quendas, servirán de apoio para o desenvolvemento da unidade, coa garantía de dispoñer de medios durante todo o ano e con persoal que integrará parte do equipo, a maiores da versatilidade que ofrece dispoñer do medio aéreo.

Para maior reforzo dos medios materiais e que tamén servirán de apoio, prevese a compra de 15 motobombas e doutros 12 batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer. Ademais, ao longo deste ano poderanse adquirir outros tres vehículos motobombas e outros dous batracios, que poden ser claves tamén na extinción, máis aló dos traballos preventivos que están capacitados para desenvolver.

VIXILANCIA

Como novidade, incrementarase en cinco as cámaras dispoñibles en dúas novas localizacións, co que se acada a cifra de 153 unidades en 76 localizacións. Estas cámaras contan cunha tecnoloxía de última xeración, especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal, con zoom remoto, movemento horizontal e vertical, rotación nos 360º automática e baixo demanda, visión panorámica e altas capacidades de gravación.

Tamén se introducirán melloras e novidosas aplicacións para facilitar as tarefas ao dispositivo de loita contra incendios. Así, adquiriranse novos terminais de altas prestacións e amplas capacidades de procesamento, co fin de distribuír a última versión de XeoCode Lite entre todos os técnicos forestais, axentes ambientais e persoal do Servizo de prevención e extinción de incendios. O XeoCode Lite é unha ferramenta de información e incorporación dos datos relativos ao punto de inicio e avance do lume, fotografías xeorreferenciadas, perímetro e aqueles outros datos que poidan ser de interese.

En relación coas parroquias de alta actividade incendiaria, este plan de prevención e defensa contra os incensios, eleva o número de parroquias a 40, fronte ás 35 do ano pasado. Así, do total de parroquias, 26 repiten respecto á anterior campaña, 14 entran no listado e 10 saen del.

En canto aos medios humanos e materiais mobilizados, estes mantéñense, en liñas xerais, en valores semellantes aos das últimas campañas.

FORMACIÓN

Para o correcto desenvolvemento destes equipos e tarefas e necesario formar ao persoal, polo que segue vixente o Plan de formación aprobado no 2021 para o período 2021-2024. O obxectivo deste tipo de formación é formar correctamente ao persoal que forma o dispositivo de prevención e defensa contra os incendios forestais da Xunta.

O orzamento previsto para financiar o Plan de formación dirixido ao Servizo neste ano 2023 é de 700.000 euros, fronte aos 400.000 euros do ano 2022. Dito Plan consta de catro programas, dous deles dirixidos ao Servizo, o terceiro deseñado para o persoal dos concellos que participa na extinción e o cuarto para a sociedade do rural.

Para este ano 2023 prevese impartir 33 cursos en 602 edicións, con aproximadamente 13.444 prazas, que supoñen un total de 443.373 horas de formación nas modalidades presencial, telemática ou mixta (case o cuádruplo das 115.000 horas do anterior Pladiga).

Tamén vanse desenvolver diversas iniciativas relacionadas coa seguridade laboral, cos cada vez máis habituais grandes incendios e lumes de interface ou co manexo de equipamentos de traballo como os equipos de comunicación Tetra ou os novos vehículos de extinción.

PREVENCIÓN

Dentro do Plan preventivo prevese actuar en cando menos unhas 60.000 hectáreas de terreo e nuns 5.600 km de pistas forestais e outras vías, ademais de en case 4.840 puntos de auga, entre creación de puntos novos e mantemento dos existentes.

Tamén haberá que continuar formando e concienciando á poboación das áreas rurais, para que aprendan a autoprotexerse implicándose na prevención, colaborando cos efectivos contraincendios e axudando a dar coas causas e cos causantes dos lumes. Está previsto impartir para este ano 2023, como mínimo 40 charlas dirixidas á poboación das parroquias de alta actividade incendiaria.