Esta tempada o CB Sarria non contará con equipo infantil feminino

SarriaXa

O CB Sarria informa de que esta temporada non contará con equipo infantil feminino e aseguran que terán que “reformular as relacións con outras entidades, que actúan como depredadoras de clubes”, pero que esta situación “non nos vai parar”.

Adrián CB Sarria3
Adrián CB Sarria3
5 ago 2023

O CB Sarria informa de que esta temporada non contará con equipo infantil feminino e aseguran que terán que “reformular as relacións con outras entidades, que actúan como depredadoras de clubes”, pero que esta situación “non nos vai parar”.

Así, defenden que o club de baloncesto sarriao non é un club de “elite”, senón que para eles, as amizades son máis importantes que o éxito deportivo, “sen baixar a calidade na formación deportiva”. E sosteñen que “se alguén non o ten claro, é posible que se confunda ao elixirnos”.

Por outra banda, sosteñen que o enfoque do club CB Sarria é colectivo, no que os nenos e nenas que se inician no club “collerán o facho e serán xogadores, adestradores, socios, directivos, afeccionados... pero todos deixan o mellor de si mesmos, con acertos e erros, ata lograr a canteira do CB Sarria de hoxe, con 238 xogadores e con 7 equipos femininos e 7 masculinos competindo en ligas federadas”.

Valores do club

Desde o club sosteñen que, durante os seus anos de historia, “houbo tempos mellores e peores”, pero que sempre se intentou “fomentar o baloncesto como unha actividade lúdica e formativa, deixando claro que a actuación do individuo se integra na do equipo e promovendo a solidariedade”.

Ademais, lembran que o club foi fundado cando case ninguén xogaba ao baloncesto en Sarria, cun equipo sénior masculino e un xuvenil, que conseguiron que o CB Sarria arraigase na sociedade sarriá.

"Hoxe", din, o CB Sarria “é unha escola deportiva de baloncesto para que as nenas e nenos da comarca de Sarria teñan acceso á práctica deste deporte e que dota dos fundamentos de técnica individual aos xogadores, pero tamén dos valores propios do deporte colectivo: sacrificio, disciplina e solidariedade”, defenden.

Por último, din que o club “representa ao pobo no que vivimos, Sarria, por iso leva o nome e a imaxe da vila, e o valor que queremos transmitir aos xogadores é o de pertenza ao colectivo, á veciñanza, composta por xente que nos axuda e á que defendemos en calquera ámbito”, sentenciaron.

CB Sarria