O Concello de Sarria rubricou un convenio con Afundación para amosar a exposición de Joaquín Araújo

SarriaXa

Afundación, a Obra Social de ABANCA, o Concello de Sarria e ABANCA rubricaron un convenio para amosar 'Berces de vida.

convenio sarria afundacion
convenio sarria afundacion
23 ago 2023

Afundación, a Obra Social de ABANCA, o Concello de Sarria e ABANCA rubricaron un convenio para amosar 'Berces de vida. De paseo polos bosques de España', unha exposición comisariada polo premiado biólogo e divulgador Joaquín Araújo.

No acto estiveron Claudio Garrido Martínez, alcalde de Sarria; Óscar Rodríguez Rodríguez, coordinador institucional de ABANCA en Lugo; e Beatriz Fernández-Anguiano, coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo.

Esta mostra está incluída en «Corrente cultural», un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación.

'Berces de vida. De paseo polos bosques de España' permanecerá aberta desde o 6 de setembro ata o 6 de outubro na Oficina Municipal de Turismo do Concello de Sarria e poderase visitar de luns a venres de 09.15 a 14.00 horas.

A exposición

Articulada por 26 fotografías cheas de luz, cor e beleza, esta mostra retrata os diferentes ecosistemas boscosos de todas as comunidades autónomas de España e pretende servir de chamada de atención sobre a necesidade de conservar uns espazos imprescindibles para a vida no noso planeta.

Complementadas con textos explicativos de Joaquín Araújo, estas imaxes reflicten o compromiso de todas as entidades participantes neste proxecto coa preservación do medio ambiente. En palabras do comisario da exposición, "o bosque é o lugar onde a luz se converte en vida. É unha fábrica de claridade que traballa incesantemente para que todos respiremos. Case todas as civilizacións foron cimentadas sobre bosques. Ata unha parte do petróleo, do gas e todo o carbón que agora nos move era unha selva que tragou a terra hai millóns de anos. O bosque é o seu propio manancial e funda o seu propio clima". E, de feito, como tamén destaca Araújo, a propia palabra "humanidade" procede de "humus", imprescindible para a vida e completa creación do bosque.

Esta exposición enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.