O Concello de Foz continúa coa recomendación de non inxerir auga da traída municipal

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz recomenda non usar temporalmente a auga da traída pública para a inxesta de auga para cociñar
grifo auga
grifo auga
15 sep 2023

O Concello de Foz continúa coa recomendación de non inxerir auga da traída municipal pero a saída da potabilizadora xa mostra valores baixos de trihalometanos.

A alcaldesa en funcións, Inés López Couto, informa que despois dos traballos realizados os resultados das mostras tomadas este martes á saída da ETAP de Fazouro confirmaron que a auga potabilizada nas instalacións cumpre con todos os parámetros de calidade marcados na normativa. “As mostras de auga tomadas á saída da potabilizadora este martes mostran uns valores de trihalometanos por debaixo dos 20 µg/l cando o límite é de 100. Sen embargo os resultados das mostras tomadas en distintos puntos da rede aínda superan ese límite. Podemos ver que a evolución respecto das anteriores mostras é moi favorable, polo que agardamos que unha vez se renove a auga na rede de distribución todos os valores serán correctos. Con esta tendencia, falamos máis de días que de semanas”, explica a rexedora.

Ademais da substitución dos filtros de area por unha arlita especial, que supón unha inversión de máis de 53.000 euros e que xa está en fabricación, da intensificación das tarefas de mantemento na rede de distribución e da modelización do potencial de xeración de trihalometanos no sistema que está en proceso, a vindeira semana comezarán a implantarse as seguintes actuacións de mellora:

  • Mellora na regulación do caudal de entrada de auga bruta á potabilizadora.
  • Nova automatización da dosificación de reactivos na planta potabilizadora.
  • Medición en continuo de parámetros de calidade da auga na planta de tratamento.
  • Medición en continuo de parámetros de calidade da auga nos depósitos de cabeceira de Fazouro e automatización da dosificación de reactivos no depósito.

“Pedimos de novo desculpas polas molestias. Estamos a traballar de forma moi intensa para solucionar un problema que se alarga demasiado no tempo”, remata Inés López.