O Concello de Foz levará a Pleno a licitación da concesión do servizo de residencia e centro de día

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz leva a pleno un suplemento de crédito para afrontar os incrementos de prezo de todos os servizos obrigatorios e necesarios.
casa do concello de foz
casa do concello de foz
22 sep 2023

A corporación municipal de Foz celebrará o próximo martes, día 26 de setembro, dous plenos. Para as 19.00 horas convócase sesión extraordinaria en relación á instancia do Partido Popular para a creación dunha comisión de investigación sobre as recomendacións de uso da auga da traída vixentes. E ás 20.30 horas celebrarase o pleno ordinario do mes de setembro, no que se inclúe como punto principal a licitación do contrato de concesión do servizo de residencia e centro de día de Foz, por un valor estimado de máis de 9,5 millóns de euros.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, destaca “o carácter absolutamente político do pleno extraordinario, no que se pide a creación dunha comisión de investigación con partidos políticos, veciños sen determinar e representantes da ACIA. É un absurdo incrible. O señor Castiñeira, ante un problema na potabilización, pretende excluír á concesionaria actual, que é a que está xestionando o servizo e quen ten a responsabilidade. Ademais pide unha comisión de persoas alleas á potabilización da auga para tomar decisións sobre a auga. Iso si, asistidas por non se sabe que técnicos externos. Non cita á Consellería de Sanidade -quen fixo as recomendacións- ou a Augas de Galicia -que algo terá que aportar ou algún coñecemento se lle supón-. Isto é ruído, a mellor maneira de non aportar nada e confundir aos veciños.. O goberno ten unha responsabilidade e ante un problema damos a cara, non nos imos esconder detrás de ningunha comisión”.

O rexedor municipal salienta “a transparencia do Concello, que desde o momento que soubo do problema de aumento do nivel de trihalometanos na auga non o ocultou nin o escondeu senón que informou á poboación coas recomendacións oportunas. E continuamos facéndoo. Hoxe, xoves 21 de setembro, aínda non podemos modificar as recomendacións porque os niveis de trihalometanos en varios puntos de control da rede continúan  por encima dos 100 microgramos/litro. Esta semana modificouse a dosificación de peróxido de hidróxeno co obxectivo de oxidar e eliminar unha maior cantidade de materia orgánica e baixar os niveis de trihalometanos. Tamén se levou a cabo unha limpeza e purga máis intensa da rede de distribución e a concesionaria adquiriu equipos de control en continuo e dosificación automática que están pendentes de entrega. Continuamos traballando: hoxe, xoves, e mañá, venres, collemos novas mostras na rede, co obxectivo de eliminar as recomendacións no espazo de tempo máis curto posible. Non hai riscos para a saúde pero queremos volver á normalidade canto antes”.

Ao pleno ordinario o goberno de Foz, ademais de varios expedientes da área económica, leva a aprobación a licitación da concesión do servizo público de residencia e centro de día. É un servizo que ve incrementado nunha cantidade importante o custo das prazas, pasando do prezo actual, de 1.326 euros ao mes para un grao III a un custo de 2.054 euros mensuais, á espera das posibles baixas que presenten as empresas ofertantes e que reducirían esta cantidade. “Este sobrecusto que van soportar as familias podemos agradecerllo ao Partido Popular, que se negou en rotundo a que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, da Xunta de Galicia, xestionase un servizo e un edificio que é da súa propiedade. Obrigábannos a sacar as familias e os traballadores para que a Xunta xestionara a residencia, a súa competencia, o cal era ilegal e inmoral”, declara o alcalde, quen engade que “a ordenanza de axudas a emerxencia vai a sufragar o sobrecusto para aquelas persoas sen recursos que non podan pagar o servizo, con diñeiro exclusivamente do Concello de Foz, que deberemos recadar xa que a Xunta se nega sistematicamente a asumir a súa responsabilidade. Aquelas familias que teñan patrimonio van ter que asumir elas o aumento de custes grazas ao PP”.