O PP de Viveiro pide ao Concello que poña en valor a Praza de Abastos

AMariñaXa
O PP de Xove refórzase de cara as eleccións cunha executiva que compaxina veteranía e novas incorporacións e é representativa das parroquias
PP Viveiro Marina Gueimunde
PP Viveiro Marina Gueimunde
25 sep 2023

O Grupo Municipal de Viveiro pedirá no vindeiro  pleno que o Concello se adhira ás próximas convocatorias e liñas de axuda ofertadas polas diferentes administracións a prol dos mercados e prazas de abastos, ademais de que se convoque e reserve unha partida económica nos presupostos de 2024 para o mantemento e mellora de servizos básicos en tanto non se executa un proxecto máis ambicioso. Así o adianta a voceira, Mariña Gueimunde, quen considera que “é absolutamente necesario manter este espazo dinamizador da economía local” e que existen executivos como a Xunta de Galicia que dispón de distintas liñas de actuación destinadas a este fin.

A praza de Abastos de Viveiro, antiga “pescadería”, é un dos bens inmobles de titularidade municipal máis representativos e con identidade histórica, arquitectónica, comercial e social da vila. Trátase dunha edificación construída entre os anos 1925 e 1927 e que leva dúas remodelacións importantes. A primeira, en 1929 e, a última, en 1994. Con todo, a estrutura exterior segue mantendo a estética primitiva. Ámbalas dúas supuxeron un cambio nos hábitos de hiexene e comodidade dos placeiros  adaptándose á cambiante normativa e ás esixencias dos adxudicatarios e da súa  clientela, cambios que, en palabras da popular, “a día de hoxe non son suficientes para manter un servizo e unha actividade que cremos que non deberiamos esquecer”.

Dos 12 postos a disposición dos adxudicatarios, manteñen a sua actividade 6 deles, pero serán 5 a partires do día 30 de setembro, o que supón un 50% de ocupación dun espazo que dende o Concello se debería potenciar pola súa singularidade e relevancia económica, turística e comercial no ámbito do casco histórico.

COLABORACIÓN DO GOBERNO GALEGO

A Xunta de Galicia pon a disposición dos Concellos unha liña de subvencións de concorrencia non competitiva, para o “impulso da Rede de MERCADOS EXCELENTES de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos” que supón a adecuación e a mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais e constitúe un elemento clave para o desenvolvemento do comercio.  A orde que regula estas axudas sinala que as actuacións desenvolvidas polos entidades locais no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, nos mercados municipais que teñen unha singular significación por constituír espazos de centralidade comercial que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, da horta e da gandaría. “É preciso, polo tanto, renovar estes espazos en relación coas necesidades tanto dos/das comerciantes como das persoas consumidoras, desde o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades. Agardamos así que o goberno local non dea as costas á nosa iniciativa e teña altura de miras solicitando estas axudas á administración autonómica”, remarca Gueimunde.

Por outra parte, é fundamental aproveitar a situación estratéxica dos mercados e potenciar estes espazos como o mellor escaparate do produto galego de calidade, vencellándoos ao contorno en que se integran, ao produto local e a valores como a sustentabilidade, a protección do ambiente, a calidade, o trato personalizado e o compromiso coa sociedade, así como mellorar a súa accesibilidade e acadar a súa modernización e dixitalización e incrementar os servizos que se prestan á clientela.

Do mesmo xeito, detalla a voceira do PP, a Axencia Galega para o desenvolvemento rural  AGADER, ofrece outra liña de axuda destinada a “promover a rehabilitación e reforma de mercados municipais de produtos agroalimentarios”, considerando que a actividade comercial que neles se desenvolve é vital para a dinamización económica e social dos territorios, sendo, en moitos dos casos, un elemento aglutinador do pequeno comercio que os rodea.

“A Praza de Abastos de Viveiro necesita reformar e adaptar o seu espazo, mellorar as condicións de estética e salubridade e modernizar as instalacións para lograr que sexa funcional para o seu uso e atractivo para adxudicatarios e visitantes”, conclúen dende o PP.