O Concello de Lugo eleva ata os 1.088 euros o gasto medio por habitante

LugoXa

No pasado exercicio a Administración local abonou aos provedores municipais 52 millóns de euros en facturas nun prazo medio de 6’38 días.

cartos impostos billetes pago comercio
cartos impostos billetes pago comercio
2 sep 2023

No pasado exercicio a Administración local abonou aos provedores municipais 52 millóns de euros en facturas nun prazo medio de 6’38 días.

O Concello de Lugo incrementou en 2022 o gasto medio por habitante en máis dun 13% con relación ao exercicio anterior, pasando dos 962’64 € aos 1.088’18 euros.

Un esforzo co que o Executivo de Lara Méndez pretendeu impulsar a recuperación económica do municipio logo da crise sanitaria e da social que lle sucedeu tanto á pandemia como á suba da inflación que propiciou o conflito en Ucraína.

“Unha suba que representa o compromiso do Goberno local por garantir non só a prestación dos servizos públicos xa existentes, incidindo sobre a calidade dos mesmos, senón tamén por crear outros novos en apoio aos colectivos máis vulnerables e por avanzar na transformación da cidade coa súa humanización urbanística baixo criterios de perspectiva de xénero, inclusión e sostibilidade”, afirmou o concelleiro de Economía e Recursos Humanos, Pablo Permuy, en alusión a proxectos como a rexeneración do Carme, o Centro Histórico ou a melloras de diferentes parques da cidade que se licitaron nese período “cos que pretendemos mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Así, o edil destacou que a Institución municipal abonou o pasado ano a cantidade de 105.067.647 euros, relativa ás obrigas que o Concello de Lugo contraeu durante o exercicio.

Un concepto que aglutina o pago aos provedores pero, tamén, ás persoas beneficiarias das diferentes axudas e subvencións municipais que se convocaron, “entre outras moitas partidas coas que o Concello exerceu de motor económico e de axuda para o tecido asociativo e produtivo do termo municipal”, sostivo Pablo Permuy.

Así, a área de Tesourería tramitou e liquidou durante o 2022 o 85’14% dos gastos asumidos pola Administración local, tal e como reflicte a Conta Xeral dentro dos indicadores que avalan a suficiencia económica da Institución, “unha porcentaxe na que se inclúen os 52.053.403 euros en facturas que se abonaron ás empresas e autónomos que nos subministran obras e servizos”, puntualizou o titular de economía.

O responsable de área quixo destacar, igualmente, a redución durante o pasado ano do Período Medio de Pago aos provedores (PMP), que diminuiu até os 6’38 días, moi por debaixo do prazo legal establecido (30 días).

Xa en canto a recadación, Permuy Villanueva explicou que o 2022 arroxou un saldo de 101.074.090 € de euros en dereitos recoñecidos, dos que forman parte tanto os impostos directos e indirectos, como as taxas e prezos públicos, as transferencias correntes e de capital ou os ingresos patrimoniais.

E debullou algunhas das cifras máis significativas do epígrafe impositivo.

“Coma sempre, algúns dos tributos máis cuantiosos para as arcas municipais foron o IBI (21.977.784 €) ou a cota pola recollida domiciliaria de lixo (6.762.913 €) que supoñen o 22’20% e o 6’83%, respectivamente, da cantidade total que obtivo a Administración nesa anualidade” e apuntou, asemade, a máis simbólica: os 183 euros que se xiran pola venda de publicacións.

Pablo Permuy fixo fincapé, así mesmo, en que o Concello segue a manter a débeda cero que se alcanzou en 2017 e referiu tamén outros indicadores positivos como o da solvencia a curto prazo (243’97%) ou o da liquidez inmediata (77’70%).

Xa para concluír, o edil indicou que o patrimonio neto da Administración local se incrementou nese exercicio en máis de 700.000 € situándose neste momento nos 423.936.198 euros.