O canil de Frigsa inicia a súa transformación para ser un referente

LugoXa

Todo o deseño será respectuoso coa contorna, priorizando o uso de materiais naturais.

imaxe inicio obras canil frigsa
imaxe inicio obras canil frigsa
7 sep 2023

Todo o deseño será respectuoso coa contorna, priorizando o uso de materiais naturais. A comodidade das persoas usuarias e dos animais será unha premisa constante nas instalacións que disporá de dúas áreas estanciais, unha delas a cuberto.

En apenas tres meses a comunidade canina de Lugo disporá dun moderno recinto de socialización e esparexemento en Frigsa.

Un espazo totalmente renovado, con relación ás instalacións existentes agora, que estará equipado con grandes prestacións, entre elas un circuíto de agility - composto de balancín, slalom e túnel para o lecer e amaestramento dos animais - e unha zona de lavado e peiteado.

As obras de reforma deron comezo no canil sito no parque da Milagrosa ás que o Concello destinará 95.724 euros.

As previsións son acondicionar toda a área – que ten unha extensión de 1.190 m² – mellorando non só o seu aspecto senón o conxunto da dotación incrementando a súa versatilidade. Logo de reparar as depresións do terreo e as eivas que actualmente presenta o céspede, se aproveitará o movemento de terras para colocar un novo sistema de rega e drenaxe.

“A finalidade é incrementar a súa comodidade e, para iso, habilitaremos tamén dúas áreas estanciais tipo parklet, con bancos e papeleiras, unha delas cuberta cunha estrutura tipo pérgola que protexa da intemperie e permita o seu uso durante todo o ano en condicións de confort”, afirman desde o Concello.

Para o correcto deseño da nova área tivéronse en conta diferentes criterios cos que, por unha banda, se garanta nel a seguridade e o benestar pero tamén a utilización adecuada da infraestrutura.

Así, o proxecto contempla que todo o ámbito terá unhas dimensións proporcionadas, con espazos amplos para a convivencia, nos que en todo momento se manterá a visibilidade. Disporá de boa iluminación, de dobre porta de acceso de peche automático e de bancos cubertos na parte inferior para evitar que as mascotas poidan lesionarse. Así mesmo, o chan será de pavimento brando nas zonas de xogo.

E para facer esta obra será prioritario o emprego de materiais naturais, atendendo a un deseño respectuoso coa contorna.

O recinto contará cun cerramento vexetal mentres que o chan será na súa meirande parte de xabre compactado, conservándose unha zona verde no perímetro sueste.

Instalaranse novas papeleiras apropiadas para a recollida dos residuos que se xeran nas instalacións e habilitarase unha zona de limpeza animal, composta de bañeira e mesa así como dispensador de luvas e bolsas refugables que facilitarán o aseo das mascotas.

Tamén se colocará unha superficie pétrea para evitar que, unha vez lavados, os cans volvan ensuciarse e facilitar a limpeza e desinfección por parte dos servizos municipais.

Para manter un correcto uso das instalacións, colocarase un cartel informativo coas normas entre as que destaca o acompañamento obrigado e a vixilancia dos animais, tanto dentro como fóra do recinto, o uso do colar en todo momento - por se hai que separalos - e a saída da área canina ante calquera indicio de agresividade.