A veciñanza de Láncara saíu a reivindicar que se cubra a praza do médico que se vai xubilar

SarriaXa

Os socialistas da provincia de Lugo acompañaron á veciñanza de Láncara na concentración convocada polo Concello ante o Centro de Saúde para reivindicar que se cubra a praza do médico que se vai xubilar.

PSOE Lancara sanidade
PSOE Lancara sanidade
22 sep 2023

Os socialistas da provincia de Lugo acompañaron á veciñanza de Láncara na concentración convocada polo Concello ante o Centro de Saúde para reivindicar que se cubra a praza do médico que se vai xubilar.

O senador por Lugo, César Mogo, e a deputada no Parlamento de Galicia, Patricia Otero, estiveron xunto ao alcalde da localidade, Darío Piñeiro, e o tenente de alcalde e deputado provincial, Pablo Rivera, entre outros cargos públicos. Unha manifestación á que tamén se sumaron locais de hostalería e comercios, facendo un peche simbólico entre as 12.15 e as 12.30 horas para acudir á mobilización e en sinal de protesta por esta situación.

Baixo a pancarta “Nin máis. Nin menos. Queremos o que temos. Láncara. Por unha sanidade pública e de calidade”, a veciñanza reivindicou que no Centro de Saúde de Láncara, situado na Pobra de San Xiao, agora mesmo atenden tres facultativos. Dous deles teñen 67 e 68 anos, e o terceiro xubílase con 70 anos o vindeiro luns.

“Contar cun facultativo menos suporía un gran paso atrás para Láncara. Non cubrir a praza implicaría que os médicos que quedan no centro de saúde aumenten a carga asistencial en máis do 50% cada un, ao ter que repartirse as 1.000 cartillas que xestiona o doutor que se xubila agora”, denuncian os socialistas, que engaden que todo isto “repercute innegablemente na calidade asistencial do servizo, a pesar de toda a vontade que lle poidan poñer os dous profesionais que quedan no centro”.

Os socialistas poñen o foco na realidade social de Láncara, cun alto grao de envellecemento e cunha gran dispersión xeográfica. Non entenden o silencio da Consellería de Sanidade que, tras a carta remitida polo alcalde alertándolle desta realidade que é inminente, non obtiveron resposta.

Protestas ata o Parlamento de Galicia

O PSdeG vén de rexistrar dúas iniciativas no Parlamento de Galicia para reivindicar unha solución a esta situación. Por unha banda, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presentou unha Proposición non de Lei para o seu debate en Pleno coa fin de instar á Xunta a que cubra, no prazo máis breve de tempo, a vacante de médico de familia do Centro de Saúde da Pobra de San Xiao.

Así mesmo, presentan unha batería de preguntas ao respecto para a súa resposta oral na Comisión 5ª. "Vai a Xunta de Galicia cubrir a vacante do médico do Centro de Saúde da Pobra de San Xiao en Láncara?; de ser o caso, que prazos manexa a Consellería de Sanidade para ter cuberta esta vacante? Ante a situación descrita, considera o Goberno galego que a asistencia sanitaria en Atención Primaria estará cuberta de maneira plena e total para a veciñanza do concello de Láncara?".