A actuación de Rebuldeira Teatro aviva a necesidade dun auditorio en Sarria

SarriaXa

Na xornada de onte, o grupo Rebuldeira Teatro representou a súa obra 'Cita previa' na Casa da Cultura de Sarria, un evento que xuntou a decenas de persoas que quixeron desfrutar da iniciativa.

Feculera espazo sociocultural Sarria
Feculera espazo sociocultural Sarria
18 sep 2023

Na xornada de onte, o grupo Rebuldeira Teatro representou a súa obra 'Cita previa' na Casa da Cultura de Sarria, un evento que xuntou a decenas de persoas que quixeron desfrutar da iniciativa. Tantas que ata moitas tiveron que marchar por falta de espazo.

Por esta razón, desde o grupo teatral quixeron pedir desculpas aos asistentes que finalmente non puideron desfrutar da obra debido "ao escaso aforo do local", que é unha parte da Casa Consistorial e anunciaron que poderán velos de novo o vindeiro 19 de novembro.

Estas circunstancias, nas que a Casa da Cultura non é capaz de acoller a todas as persoas que teñen a intención de desfrutar de iniciativas sociais na súa vila, aviva de novo o debate de se é necesario un Auditorio, unha petición que levan facendo os veciños durante anos, xa que consideran que están "orfos" dun espazo cultural propio e cren que é necesario e bo para Sarria un lugar como ese.

Por outra banda, a portavoz do Partido Popular en Sarria xa remarcara a necesidade dun auditorio o pasado mes de maio, ao que o goberno local, antes das eleccións, prometeu que convertería o edificio da Feculera para crear un espazo sociocultural que levará o nome de 'Familia José Vento' durante esta nova lexislatura.