A reparación do parque de Peruscallo e o asfaltado da pista A Costiña, as peticións do PP de Sarria

SarriaXa

O Partido Popular de Sarria reivindica a reparación do parque de Peruscallo e o asfaltado da pista coñecida como A Costiña, na parroquia de Belante, lamentando que “este parque fose paulatinamente desmantelado ata o punto de que a día de hoxe non é nin sequera identificable como parque, senón un espazo descoidado no que unicamente se aprecian os restos do peche e dalgún elemento do pasado”, defendeu a voceira popular, Carmen López.

Espazo parque Belante Sarria
Espazo parque Belante Sarria
22 sep 2023

O Partido Popular de Sarria reivindica a reparación do parque de Peruscallo e o asfaltado da pista coñecida como A Costiña, na parroquia de Belante, lamentando que “este parque fose paulatinamente desmantelado ata o punto de que a día de hoxe non é nin sequera identificable como parque, senón un espazo descoidado no que unicamente se aprecian os restos do peche e dalgún elemento do pasado”, defendeu a voceira popular, Carmen López.

A recuperación deste parque, segundo os populares, constituiría unha mellora importante para a parroquia, supoñendo un desembolso perfectamente asumible para as arcas municipais: “os veciños solicitan a colocación dun peche como o que tiña no seu día, un columpio para os máis pequenos e algún mecanismo de exercicio ao aire libre que poida ser empregado pola poboación adulta. Isto permitiría crear un espazo dun carácter interxeneracional dando resposta ás necesidades da poboación de distintos rangos de idade, sostén a voceira.

Os populares tamén reclaman o asfaltado da pista que vai dende Belante ata o monte onde se atopa a capela de San Marco, que coincide co remate da pista que procede de Ortoá. “Esta necesidade faise aínda máis patente polo feito de ser a única parroquia da zona que que non dispón dunha vía asfaltada que comunique co monte, ademais de que esta vía serviría tamén de acceso e conexión destes veciños cara a outros núcleos do municipio. Ademais, a súa situación de abandono ofrece unha imaxe negativa aos visitantes atraídos polo Camiño de Santiago", defenden desde o grupo popular.

Todas estas motivacións veñen do compromiso que os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Sarria adquiriron cos veciños e veciñas durante a campaña electoral co fin de “coidar á poboación e atender a todos e cada un dos territorios que forman parte do municipio de Sarria no que teñen un peso importante cada un dos núcleos”. É por iso polo que “defenderemos en cada pleno que se atendan as necesidades das distintas parroquias que nos trasladan os veciños”.