Skip to main content
Uncategorized @gl

Un visor dixital amosará 52 rutas en bicicleta con alto valor paisaxístico e con máis de 2.300 quilómetros

Por 28 Setembro, 2023Outubro 3rd, 2023Sin comentarios

Esta guía interactiva, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, conta con fichas descargables cos datos máis importantes como fotografías, mapas, perfís de terreo e a situación dos miradoiros e dos lugares con alto valor paisaxístico.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda elaborou unha ferramenta interactiva, A paisaxe de Galicia desde a bicicleta , queserve para facer un percorrido por 2.300 quilómetros da Comunidade a través de 52 rutas, de cara a combinar a divulgación e conservación da paisaxe da comunidade coa práctica do ciclismo, unha actividade saudable que emprega o medio ecolóxico por excelencia -con cero emisións- e que supón, ademais, unha proposta turística sostible.

Así, pódese planificar as rutas xa que ofrece alternativas para diferentes niveis de dificultade co obxectivo de que moitos percorridos, ademais de ser seguros e naturais, sexan aptos para as familias.

Cada percorrido conta con fichas descargables cos datos máis importantes como  fotografías, mapas, perfís do terreo e, por suposto, a situación dos miradoiros  e dos lugares de maior interese paisaxístico. Ademais, para facilitar aínda máis a planificación da ruta, permite gardar o percorrido en formatos como reloxos intelixentes, GPS ou móbiles así como a posibilidade de utilizar a plataforma Wikiloc, gratuíta e cun uso moi estendido ao contar con 10 millóns de usuarios.

Esta guía foi elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo co obxectivo de ofrecer unha experiencia turística e de ocio diferenciadora para descubrir as nosas paisaxes e uns percorridos cos que poder coñecer desde a bicicleta todo o que ofrece a nosa Comunidade. Esta ferramenta é un bo exemplo de como combinar o deporte, a conservación do patrimonio natural e a posta en valor do territorio.

Desde a posta en marcha desta iniciativa xa se recibiron máis de 14.400 visitas, que derivaron en preto de 950 descargas en diversos dispositivos, o que mostra o grande interese por esta alternativa de lecer sostible, integrador e saudable, que, ademais, contribúe a diminuír a circulación do tráfico de vehículos e, polo tanto, as emisións de dióxido de carbono contribuíndo, deste xeito, á mitigación dos efectos do cambio climático.

O proxecto A Paisaxe de Galicia desde a Bicicleta inclúe un visor con xeolocalización das 52 rutas incorporadas.