Sociedade Cultural A Rula de Foz: “Quixemos visibilizar o patrimonio material marítimo pesqueiro"

Foz
AMariñaXa
O grupo ribadense Kornucopia ten os seus inicios durante o 2021 e son Un grupo de amigos con ganas de compartir as súas inquedanzas
sociedade cultural A Rula Foz  cenima
sociedade cultural A Rula Foz cenima
1 oct 2023

Silvia Fiallega membro da Sociedade Cultural A Rula fálanos sobre o pasado, presente e futuro da asociación ligada ao mundo marítimo pesqueiro.

Por Ana Somoza López.

Como naceu?

Nacemos como sociedade en agosto 2020, no medio da pandemia, polo que fumos pouquiño a pouco porque houbo moita interrupción polo medio.

Con que fin xurdiu?

Pois resulta que os nosos maiores, Salustiano Niñe e Salustiano Alonso, levaban anos reunindo unha colección de pezas relacionadas co mundo do mar, e tíñanas instaladas na lonxa pero era un local que había que deixar. Así que digamos que todo naceu como unha continuación do seu traballo para darlle unha voz a esas pezas e visibilizar e dar a coñecer o patrimonio material marítimo pesqueiro da nosa vila e sobre todo o patrimonio inmaterial.

A que se refire co inmaterial?

Pois refírome a que as pezas ao final son obxectos e hai que darlles voz da man das persoas que as usaron e coñeceron, é dicir, que uso se lle deu, para que servían, etc. Ao darlle un relato a todo este material fai que recobren vida de novo e se transmita e poña en valor a importancia do saber herdado. Iso é o primordial.

Por iso a mostra Somos Mar?

Si. Esta exposición, que se atopa no Cenima de Foz, conta con todo este material. Por unha banda foise creando un percorrido cunha selección de pezas organizada en diferentes seccións, e calquera que entre na mostra sexa de Foz ou doutro concello, levará unha idea de como era o mundo marítimo pesqueiro da nosa vila e as xentes que foron e somos parte desta realidade. A exposición tamén é totalmente accesible, tanto no acceso como no percorrido, xa que está deseñada para que calquera poida acceder ós contidos.

Por que ese nome?

Somos é un plural sen xénero que nos inclúe a todos polo que, Somos Mar, é un nome inclusivo que integra socialmente a todas e todos os que dalgún xeito participamos ou vivimos o mar. A eles e a elas, pois na mostra hai unha parte importante dedicada ás redeiras, as pescantinas, ás mulleres da conserva, etc, mulleres que tamén integran o mundo do mar dun xeito importante e imprescindibles Porque o mar tamén é delas e o seu traballo estivo pouco considerado e visibilizado as máis das veces.

Como é esta exposición?

A exposición está pensada como un percorrido de coñecemento, mais tamén é un percorrido emocional, para ser vivido. Comeza sendo unha exposición de contidos e remata amosando as xentes que lle dan vida a ese patrimonio. O percorrido está pensado para que a xente vaia mirando primeiro pola man esquerda no que se pode ver un percorrido fotográfico a través de estampas do pasado da ribeira, desde o Porto ata o Cenima, onde se desenvolveu boa parte desa actividade e se pode ver a transformación do pobo. E polo outro lado do corredor, que está pensado para miralo á volta, é onde están as persoas pois o que tratamos é de humanizar o patrimonio xa que Foz non é un lugar nin unha actividade, Foz son as persoas. Desde o corredor accedemos á primeira sala no que podemos seguir o percorrido do peixe desde a descarga ó seu procesado na conserva, pasando pola poxa e a venda. E ademais hai un pequeno espazo dedicado ós asteleiros e carpinterías de ribeira.

A segunda sala trata sobre a actividade pesqueira propiamente dita. De feito o centro da sala está ocupado por unha coñecida embarcación de Fazouro e está flanqueada por fotografías das tripulacións e dos traballos que desenvolvían nos barcos. Conta tamén cunha gaiola de recollida de algas que estaba na zona de Cangas e moitas pezas máis.

Que tipo de fotografías hai?

Pois gustounos a idea de poñer fotos do cotiá, de persoas no seu día a día, sen significar a ningunha en particular, senón ó colectivo, como os cativos xogando na ribeira, as carolas, xente amañando aparellos, etc. Todas estas fotos foron de Suso da Bahía e foron feitas por Juan José Vivancos. Despois en cada sala contamos con fotografías para ilustrar as diferentes seccións.

E que pezas se poden atopar na mostra?

Pois na primeira sala atópase a peza estrela, o bombo, que o mercou a confraría a principios do século XX que serve para rular o peixe.

O bombo é un moble de forma octogonal e de madeira cunha serie que boquillas numeradas nas que se introducía unha bola co mesmo número, que á súa vez se correspondía co dunha pescantina ou comprador. Cada pescantina dispuña dun interruptor conectado ao bombo e cando comezaba a poxa, en vez de berrar “meu!”, como se facía na poxa tradicional, só tiñan que premer o interruptor así o comprador máis rápido facíase co lote do peixe. De feito o día da inauguración da mostra viu Siso, o último ruleiro de Foz, e estivo facendo unha poxa ficticia que emocionou a todos cantos estábamos presentes.

Tamén hai pezas indiscutibles da historia como é un moble da biblioteca Salgado Toimil, que foi a primeira de carácter publico de Foz e da Confraría. Na segunda sala hai unha embarcación tradicional, e tamén unha gaiola de recoller a alga, esta foi unha actividade bastante estendida pois estas algas recollíanse para abonos e para farmacéuticas. Era un traballo bastante duro. Por outra banda temos un traxe de buzo completo, o primeiro que se empregou en Foz e incluso ao fondo recreamos a ponte de mando e unha parte da cuberta, que inclúe o pao do Calín, un barco moi coñecido en Foz.

Que representa esta mostra para vós?

Un orgullo, pois a mellor maneira de preservar e poñer en valor o noso patrimonio é coñecelo e sentir orgullo polo propio. Porque un coida o que quere.

É para a veciñanza de Foz?

Cremos que estimula a memoria da xente que o ve e dáselle valor ó noso pasado, e failles falar e compartir a memoria colectiva do noso pobo.

Que futuro lle ve á mostra ou á asociación?

Polo momento temos que sentarnos pois a nosa pretensión é a de facer facendo e aprender facendo. O noso ámbito de acción é o patrimonio marítimo pesqueiro de Foz, coa pretensión de que sexa unha labor compartida coa xente que sabe, que aínda queda moita e ten moito que ensinarnos. Así que a partir de aí e traballar, por exemplo, creando faladoiros, conferencias e charlas, pero irase vendo. O importante é ter ideas, vontade, ilusión e ganas para materializalas.

É unha mostra que lle pode servir aos nenos para aprender.

Si, sería xenial traballar o patrimonio cos colexios e que quen lle lo conte foran os nosos maiores, así poderían amosarlles como se facían as cousas. Os maiores teñen moito coñecemento adquirido que poden ensinar e así trasladarán as ideas para que os nenos sexan conscientes do mundo do mar. A ciencia disto é ser capaces de transmitir e coñecernos mellor.

De feito gústame moito a frase de Saramago: somos a memoria que temos e a responsabilidade que asumimos. Sen memoria non existimos e sen responsabilidade quizás non merezamos existir.

sociedade cultural A Rula Foz   presentacion
sociedade cultural A Rula Foz  bombo
Sociedade Cultural A Rula. mostra 1
Sociedade Cultural A Rula.mostra