O Cine Ribadeo acolle a estrea e proxección da película 'O home e o can' de Ángel de la Cruz

AMariñaXa

A película O home e o can, de Ángel de la Cruz, estréase este domingo, ás 20.

Cine ribadeo
Cine ribadeo
21 oct 2023

A película O home e o can, de Ángel de la Cruz, estréase este domingo, ás 20.30 horas, no Cine Ribadeo e, tras a proxección, haberá un coloquio co director e coa actriz barreirense Estíbaliz Veiga.

O alcalde, Dani Vega, declarou que “este director xa puxo a Ribadeo no panorama do cine con Os mortos van á presa, película rodada na vila mariñeira de Rinlo e neste caso trátase dunha longametraxe, que conta un drama real sen adornos".

Ademais, sostivo que "esta película vaise estrear en Ribadeo, polo que a cidade será unha desas 21 salas que ofrecerá a película esta fin de semana, poñendo a nosa vila á altura das grandes cidades de Galicia. Así, o Concello quere colaborar potenciando a cultura e o cine en galego”.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explicou que “o domingo, 22 de outubro, acompañarannos na proxección Ángel de la Cruz e Estíbaliz Veiga, que compartirán co público un coloquio ao remate da proxección. Anímovos a todos a acudir ao cine. Poucas veces podemos compartir un film co seu director e contrastar ideas e sensacións. E tamén teremos photocall”.

A película está interpretada por Manquiña, Paula Chaves e Estíbaliz Veiga, e foi gravada integramente en galego e en branco e negro. Conta a historia de Manuel, un home sinxelo que se expresa con dificultade e vive so nunha aldea. A enfermidade do seu can obrígao a viaxar á cidade e aí atopa a Paula, que foxe dun fogar desestruturado. Son dúas personaxes, que aínda que parecen antagónicas converteranse en amigos.

O home e o can