O Consello da Cultura rendeu unha homenaxe a Paco Pestana

LugoXa

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, asistiu no Vello Cárcere á inauguración da xornada Paco Pestana: o impenitente narrador da vida, organizada polo Consello da Cultura Galega.

xornada paco pestana lugo
xornada paco pestana lugo
24 oct 2023

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, asistiu no Vello Cárcere á inauguración da xornada Paco Pestana: o impenitente narrador da vida, organizada polo Consello da Cultura Galega. A xornada foi unha homenaxe e revisión da traxectoria dun creador referencial para entender o desenvolvemento da escultura galega nas últimas décadas do século XX.

O Consello da Cultura Galega conta con persoas de recoñecida traxectoria artística como o arquitecto Santiago Catalán, o pintor Jorge Espiral, o escultor Juan Lomarti ou a directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, que ao longo de distintas mesas redondas afondaron na obra de Paco Pestana ao longo da xornada.

Paco Pestana atopou na escultura e na poesía as súas canles fundamentais de expresión. Creador multidisciplinar, a súa obra e traxectoria consolidárono como unha figura referencial para entender o desenvolvemento da escultura en Galicia nas últimas décadas do século XX. Cando se fan dous anos da súa morte, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) dedicoulle unha nova xornada do ciclo Revisando a nosa arte. A sesión estivo coordinada por Rosario Sarmiento e Lucila Yáñez.

“A escultura paréceme unha maneira parcial de ver a vida. Eu fago autobiografía e confésome nela. Se vivise 150 anos, repartiríaos entre escultor, cineasta, actor... e todo iso co espírito da poesía”. Estas palabras son de Paco Pestana e nelas reflíctese tanto o espírito deste creador multidisciplinario como o seu interese por todo o relacionado cos produtos artísticos.

A sesión comezou cun relatorio a cargo de Juan Manuel Bonet, após o que se desenvolverá a mesa redonda O meu amigo Paco Pestana. Nela participaron o arquitecto Santiago Catalán; o director da Galería A Catedral en Lugo, Jorge Espiral; o pintor e profesor Miguel Anxo Macía; o escultor Juan Lomarti, e Rosario Sarmiento, historiadora e xestora cultural. A cita continuou coa proxección fotográfica Oito miradas sobre Paco Pestana, coordinada por Xurxo Lobato e composta por fotografías de Eduardo R. Ochoa, Pepe Álvez, Xosé Reigosa, Xosé Manuel Otero, Carlos L. Valcárcel, Luis Engroba, Xosé Marra e Pedro Agrelo. Finalmente, realizouse unha visita guiada á obra de Paco Pestana na colección permanente do Museo Provincial de Lugo da man da súa directora, Aurelia Balseiro.

A figura de Paco Pestana

Nado na Frairía (Castroverde, Lugo) en 1949, Paco Pestana iniciouse no mundo da escultura cando tiña 28 anos. De formación autodidacta, foi un autor imaxinativo, histriónico e irreverente, mais tamén un agre observador do mundo cunha inefable capacidade para narrar.

Apegado ás súas orixes campesiñas, fixo da natureza o núcleo esencial da súa obra, en termos tanto conceptuais como materiais. “Ou son natureza ou non son nada…”, chegou a afirmar. Pestana observaba a natureza co único fin de asemellarse a ela e de transmitir todo iso na súa obra, o que o levou a crear un universo absolutamente propio. De feito, poucas veces se produciu tal conexión entre un autor e a súa obra artística. A natureza está tamén moi presente nos materias que empregou para elaborar as súas esculturas, pois traballou fundamentalmente a madeira.

Cronoloxicamente, a súa traxectoria enmárcase dentro da xeración de artistas que xurdiu en Galicia a partir do grupo Atlántica, pero Paco Pestana nunca chegou a pertencer a el. En outubro de 2021 faleceu de maneira repentina cando contaba 72 anos de idade.

paco pestana xornada