Inaugurouse en Santa María a mostra Fragmentos de onte

LugoXa

A mostra Fragmentos de onte, organizada pola Asociación Sete Espadelas co mecenado de Bodegas Martín Codax abriu as súas portas este mediodía.

exposicion fragmentos de onte1
exposicion fragmentos de onte1
3 oct 2023

A mostra Fragmentos de onte, organizada pola Asociación Sete Espadelas co mecenado de Bodegas Martín Codax abriu as súas portas este mediodía.

A mostra, que poderá verse ata o 7 de novembro na Capela de Santa María, reproduce vestimenta e escenas da vida cotiá capturadas pola fotógrafa e etnógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson nos anos vinte do século pasado en distintos puntos de Galiza.

A cidade de Lugo está presente cunha fotografía dun mercado de pezas de olería ao pé da Muralla, a escasos metros da Mosqueira, en 1925. A mostra reproduce esta escena, canda outras da vida cotiá na Galiza de comezos do século pasado: palilleiras traballando nunha casa en Muxía, redeiras en Marín, leiteiras que percorrían a pé enormes distancias cada mañá cos cántaros na cabeza ou os mercados na Praza de Leña de Pontevedra, entre outras.

Efrén Castro agradeceu a Bodegas Martín Codax e á Asociación Sete Espadelas que contasen coa Capela de Santa María para traer a Lugo esta exposición que “pon de relevo a importancia do traballo das mulleres na sociedade tradicional, como piares da engranaxe social e económica” e “a importancia da artesanía na vida das persoas, que facían á man vestimenta, ferramentas e utensilios cotiás”, e repasou “o traballo realizado desde o Centro de Artesanía e Deseño na promoción e divulgación dos oficios artesanais, como parte da tradición pero
tamén como oficios vivos, en constante actualización”.

No acto, que contou tamén coa presenza de Álex Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas en Lugo, o vicepresidente da Deputación lembrou que “a Capela de Santa María acolleu nos últimos anos diferentes mostras e actividades encamiñadas a poñer en valor os oficios textís, que de forma tan coidada e documentada se abordan nesta mostra” e valorou a oportunidade “da chegada á Lugo da exposición, coincidindo co San Froilán”.

Os sábados ás 12:00 horas haberá visitas guiadas da man de Sete Espadelas, comisarios da exposición. As entradas son de balde, pero requiren de inscrición previa na web de Bodegas Martín Codax.

Unha colección de seis botellas únicas e diferentes co legado fotográfico de Ruth Matilda Anderson que afonda na vida do pobo galego. A Edición Especial complétase coa Exposición Fragmentos de Onte que, despois de acadar un gran éxito de visitantes en Vigo e Santiago de Compostela, onde recibiu máis de 15.000 visitas en dous meses, chega á cidade de Lugo á Capela de Santa María (Ronda da Muralla, 140) do 3 de outubro ao 7 de novembro.

Bodegas Martín Códax presenta a Edición Especial Fragmentos de Onte do seu albariño Martín Códax, dispoñible por tempo limitado. Unha colección de 6 botellas únicas e diferentes coa selección do legado fotográfico da americana Ruth Matilda Anderson que afonda na vida dun pobo grazas ós relatos visuais que realizou entre os anos 1924 e 1926. Fragmentos de vida feminina, da beleza do cotiá e do bo facer apostando polo noso. Unha pequena gran homenaxe á tradición e á nosa orixe.

A etiqueta habitual do albariño Martín Códax xa é en si mesma unha homenaxe á cultura galega e a un dos personaxes que máis contribuiu á consolidación do noso idioma. E agora, por tempo limitado, rendirá tributo ás profesións máis artesanais que se realizan en Galicia, e que, moitas delas, aínda permanecen.

As redeiras de Marín, as leiteiras de Muros, as mariscadoras de Carril o as palilleiras de Muxía, xunto cas oleiras de Niñodaguia en Ourense ou as vendedoras da Praza da Leña en Pontevedra represéntanse en cada unha das seis botellas desta Edición Especial Fragmentos de Onte.

  • (1/6) - Palilleiras traballando nunha casa en Muxía, A Coruña. 1924. Ao longo da Costa da Morte, as mulleres xuntábanse para palillar nos seráns. Facíano para socializar e converter o traballo en lecer. Os mozos ían despois ás casas para cantar e bailar. Xunto co de Milán e o de Bruxas, unha das xoias do encaixe europeo.
  • (2/6) - Arranxando redes. Marín, Pontevedra. 1924. Galicia, unha terra que sempre mira ao mar. Os traballos do mar precisaban de certas tarefas en terra que realizaban as mulleres. Un bo exemplo son as redeiras que arranxaban as redes coas súas agullas durante longas xornadas.
  • (3/6) - Remexendo a ribeira na procura de marisco. Cortegada, Carril, Pontevedra. 1926. Os inicios artesanais da industria conserveira galega, de tanta importancia para a comarca, e que aínda perduran. Unha dura tarefa que aínda hoxe mantén o seu carácter manual.
  • (4/6) - Leiteiras de volta a Carnota. Muros, A Coruña. 1924. Percorrían a pé enormes distancias cada mañá cos seus cántaros de cinc na cabeza para vender o leite, tanto das súas vacas coma tamén das dos seus veciños. Algunhas mulleres cargaban ata máis de 60 kg na cabeza.
  • (5/6) - Levando cacharros á feira mensual. Ourense. 1925. As mulleres levaban a carga sobre a cabeza para percorrer os camiños e levar pesos que doutro xeito non poderían cargar. Xunto coa de Buño son as máis representativas da artesanía galega, aínda vivas.
  • (6/6) - Mercado de madeira e palla. Praza da Leña, Pontevedra. 1924. Estas mulleres camiñaban quince ou vinte quilómetros cargadas cos feixes de leña coa esperanza de conseguir dúas pesetas pola súa venda, nun dos mercados máis emblemáticos de Pontevedra.

Fragmentos de onte, a Exposición

Coincidindo co lanzamento da Edición Especial, Bodegas Martín Códax, en colaboración coa Asociación Etnográfica Sete Espadelas, estreou en Vigo no mes de abril a Exposición Fragmentos de Onte. Unha mostra que, entre o 21 de xuño e o 30 de xullo estivo na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela e que, dende o 3 de outubro e ata o 7 de novembro, poderá verse o legado fotográfico de Ruth Matilda Anderson na Capela de Santa María na cidade de Lugo.

Entre 1924 e 1926, Archer Milton, fundador da Hispanic Society of America de Nueva York, mandou á fotógrafa Ruth Matilda Anderson a Galicia, en varias expedicións, para recoller todo o material etnográfico que estaba a piques de se perder: vestiario, oficios, festas, costumes, feiras, tradicións…

A exposición é unha escolma de máis de 60 traxes, froito de cinco anos de estudo, busca, análise e recuperación sobre a viaxe e o libro de Anderson. Trátase dun rigoroso traballo de investigación co que se pretende reproducir, ante os ollos do visitante, o que viu Ruth Matilda cando chegou a Galicia da maneira máis exacta posible. O espectador poderá amosar preto de mil pezas de roupa (unha gran porcentaxe delas antigas ou reproducidas a partir de padróns e tecidos antigos) e tamén aparellos de labranza, obxectos do fogar e diferentes elementos orixinais da época.

Observar a través do obxectivo de Anderson, e ler o que conteñen o seus escritos, permítenos ver a través dos seus ollos.
A través deles, coñeceremos ás leiteiras da comarca de Santiago reunidas na Rúa Nova ao amencer, ás redeiras de Marín, aos zoqueiros nas feiras de Pontevedra ou Santiago, ás vendedoras da Praza da Leña de Pontevedra ou as castañeiras de Compostela.

Unha viaxe no tempo, cen anos atrás, onde recuperar os vellos oficios xa esquecidos, as feiras, as romarías, os traballos no mar e no campo... En definitiva, toda a nosa cultura popular, a través das fotografías da americana.

exposicion fragmentos de onte 2
exposicion fragmentos de onte3
exposicion fragmentos de onte4
exposicion fragmentos de onte6