O PSOE provincial ve nos orzamentos da Xunta "desprezo e mentiras"

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa

“Resulta ofensivo comprobar como en case 15 anos, dende os primeiros Orzamentos de Feijóo a estes do ano 2024 figuran as mesmas actuacións, porque ningunha delas está completada e na maioría dos casos nin tan sequera están iniciadas”, aseverou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia.

valoracion orzamentos psoe lugo
valoracion orzamentos psoe lugo
26 oct 2023

“Resulta ofensivo comprobar como en case 15 anos, dende os primeiros Orzamentos de Feijóo a estes do ano 2024 figuran as mesmas actuacións, porque ningunha delas está completada e na maioría dos casos nin tan sequera están iniciadas”, aseverou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia.

“Os socialistas abriremos con José Ramón Gómez Besteiro unha nova etapa que acabará co esquecemento, co desprezo e coas mentiras ás que vén sometendo o Partido Popular á nosa provincia e que, de novo, se plasman nos Orzamentos da Xunta para o ano 2024”. Así o manifestou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, quen compareceu na tarde deste mércores na sede provincial do partido, xunto ao voceiro socialista no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, e a Deputada autonómica Patricia Otero para explicar a análise que fan os socialistas sobre os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano.

“Infraestruturas empantanadas, perda de oportunidades económicas e industriais, e servizos públicos colapsados. Este é o panorama que deixa o Partido Popular na Xunta”, subliñou José Tomé, quen considera “ofensivo comprobar como en case 15 anos, dende os primeiros Orzamentos de Feijóo a estes do ano 2024, figuran as mesmas actuacións, porque ningunha delas está completada e na maioría dos casos nin tan sequera están iniciadas”.

A “chapuza monumental” da Ronda Leste

O exemplo paradigmático do “esquecemento, desprezo e mentiras” do PP á provincia é a “chapuza monumental” que fixo coa Ronda Leste, argumentou. “Hai xusto un ano, nesta mesma sala, na rolda de prensa que demos para valorar os Orzamentos da Xunta do ano 2023, dixen que o PP metera os 6M€ para a Ronda Leste para tratar de impulsar á súa candidata en Lugo, a señora Elena Candia, e que non se ía executar nin un metro de obra. O tempo deunos a razón. Pasou un ano, e non se executou nin un metro de obra, e no 2024 tampouco se vai facer, a pesar de que inclúan unha partida reducida de 5M€”.

“Séguenlle mentindo aos lucenses”, asegurou o líder dos socialistas na provincia, xa que “é imposible” que as obras comecen o vindeiro ano “por prazos”, pois tramitar outra Declaración de Impacto Ambiental “supón un retraso de máis dun ano, seguro”.

José Tomé esixe “explicacións e responsabilidades á Xunta de Galicia por esa chapuza monumental”, que “non pode quedar disimulada no comunicado de prensa que mandou a Xunta anunciando un novo estudo ambiental”.

“A Conselleira de Infraestruturas, que se pasa os días atacando ao Goberno de Pedro Sánchez, ten que dar a cara, e, como mínimo, ofrecer explicacións aos lucenses e asumir responsabilidades”, recalcou, lembrando que o Goberno galego presentou un proxecto “con graves irregularidades, como lle dixemos dende a Deputación nas alegacións, e tiveron que dar marcha atrás e empezar de novo. A Declaración de Impacto Ambiental é de hai case 20 anos e está caducada; o proxecto incumpre o PXOM de Lugo; vulnera a Lei porque non aporta un Estudo de Impacto e Integración Paisaxística; e provoca graves danos ao entorno do Rato dende o punto de vista medioambiental e paisaxístico”.

“Infraestruturas empantanadas”

No ámbito das infraestruturas, o Secretario Xeral do PSdeG na provincia lembrou que, ao igual que a Rolda Leste, “seguen empantanadas” a VAC Costa Norte, o Plan Paradai de Lugo e o acceso ao Porto Seco de Monforte, recortan a 500.000€ a partida do corredor Lugo-Sarria-Monforte e reducen á metade a da estrada do Courel”. Polo tanto, “o PP deixa como nefasto legado unhas infraestruturas practicamente igual que como as encontrou Feijóo no ano 2009, o que lastra o desenvolvemento da provincia e perdemos oportunidades”.

En canto á partida de 5,7M€ para a Estación Intermodal de Lugo, “parece que é desta vez o gran logro do PP”, pero, matizou José Tomé, “só faltaría que non lle dedicaran fondos, cando o Goberno do Estado está facendo un esforzo inversor histórico, de 546M€, para modernizar o tren e traer a Alta Velocidade a Lugo”. “Esta gran obra sae adiante grazas ao impulso dos socialistas, que a sacamos do caixón onde a metera o Goberno de Rajoy e Ana Pastor”, destacou José Tomé, lembrando que “o PP chegou a romper o contrato da Intermodal”.

Sen plan industrial, nin apoio ao sector primario

Así mesmo, a Xunta segue sen artellar un plan industrial para a provincia, nin para Galicia, unha medida que levan moito tempo reclamando os socialistas. “Co Partido Popular, Galicia perdeu 40.000 empregos no sector industrial e pecharon 7.118 empresas, pero a Xunta non ten ningunha estratexia para atraer industrias aproveitando os extraordinarios recursos que temos, por exemplo en materia enerxética ou no sector primario”.

Tampouco hai partidas relacionadas co sector primario, “para os gandeiros, os produtores de madeira ou os viticultores, máis alá do invento das aldeas modelo”.

Sen solucións para a sanidade, a atención aos maiores e a educación

En canto aos servizos públicos, o “récord” de presuposto que a Xunta anuncia para sanidade, non servirá para solucionar os problemas que sofre este servizo público. “Como titular pode estar ben, pero a xente xa non o compra, porque todos, nalgún momento ou outro, temos que ir á Atención Primaria e vemos como cada vez tardan máis en dar cita, e como cada vez hai menos médicos e menos pediatras”. “Estamos vivindo unha situación crítica da sanidade pública galega, realmente insostible, que é o resultado das políticas do PP na Xunta, nin máis nin menos”, sinalou o líder dos socialistas na provincia.

O mesmo ocorre nos servizos de atención ás persoas maiores: “Mentres que na Deputación de Lugo abrimos 6 residencias públicas en catro anos, e cunha pandemia polo medio, e hoxe contamos con 9 en funcionamento, a Xunta foi incapaz de construír nin unha soa residencia pública nos últimos 15 anos, nin tampouco ten previsión de facelo, á vista destes Orzamentos. Nin unha residencia prevista, cando Galicia ten un déficit de 14.000 prazas, de acordo cos parámetros da Organización Mundial da Saúde. Menos mal que os medios de comunicación recordan que a residencia que se abrirá en Lugo ábrea Amancio Ortega”.

“O único que fai a Xunta”, incidiu José Tomé, “é anunciar parches, que veremos se cumpren, e que, en todo caso, non solucionarán nada, entre outras cousas, porque non dan nin para contratar a un coidador ou coidadora ao mes. E mentres tanto, a Xunta avanza no modelo privatizador facendo negocio coas persoas, en vez de velar polo seu benestar e dignidade”.

Á cola de España en investimento en dependencia por persoa e ano

De feito, recalcou, “Galicia está á cola das comunidades autónomas de España en investimento en dependencia por persoa e ano”. Así o di o último informe sobre o Observatorio da Dependencia, elaborado pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais.

Tampouco se prevén melloras no financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, nin “hai ningún indicio de que vaia mellorar a situación da educación na nosa provincia”. “Só se recollen fondos para facer reformas en dous centros, non se contempla ningunha medida para frear os recortes de persoal e de ciclos educativos que padecen as escolas e institutos do noso rural, nin se aporta acción algunha para corrixir os graves problemas do transporte escolar que denuncian os pais e nais en moitos concellos da provincia”, detallou.

Apoio “raquítico” aos concellos

José Tomé cuestionou así mesmo as “cifras raquíticas, de apenas un 1,1% do seu Orzamento”, nas que deixa a Xunta os fondos que transfire de xeito directo aos concellos. “Apenas 152M€ para un Fondo de Cooperación Local que Feijóo mantivo conxelado durante practicamente toda a súa etapa de Goberno”, sinalou, mentres que a Deputación de Lugo lle dedica ás entidades locais o 20% do total seu presuposto, con criterios que son públicos e obxectivos.

“Ter máis fondos e non executalos, non serve de nada”

Un ano máis, o Partido Popular “fala de Orzamentos de récord, pero do único récord do que pode presumir é do da ineficacia, a inoperancia, e a falta de iniciativa e liderado”. “Teñen máis fondos, grazas á boa marcha da economía do conxunto do Estado e dos fondos europeos que conseguiu o Goberno de Pedro Sánchez, pero iso non serve de nada, se non se executan”.

José Tomé lembrou que o Consello de Contas recolleu que no ano 2021 a Xunta deixou sen executar o 75% dos fondos Next Generation que recibiu, máis de 400M€; tampouco executou 1.400M€ dos fondos europeos asignados a Galicia no período 2014-2020, o 51% dos que recibiu en total; e deixou sen executar o 30% dos fondos Covid, 400€ en vivenda ou 66M€ en emprego.

Polo tanto, “temos un Goberno da Xunta ineficaz; obsesionado con confrontar co Goberno de Pedro Sánchez; sectario, que distribúe os fondos públicos en función dos intereses do PP; e totalmente vendido a Feijóo, que fai o que lle dicta desde Génova. Por iso, foron capaces de votar en contra do uso do galego no Congreso, traicionando así o sentir da maioría dos galegos e galegas, que queremos ao noso idioma e queremos que cada vez gañe máis espazos públicos, e por iso, o Presidente convocará as eleccións autonómicas cando llo diga desde alí Feijóo”.

“O PSdeG daralle a Galicia o que necesita e merece”

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia mostrouse convencido de que estes son os últimos Orzamentos do PP na Xunta de Galicia. “Estamos ás portas dun cambio que lideraremos os socialistas para darlle un impulso a Galicia, cun goberno con ilusión, iniciativa e capacidade de xestión para crear emprego, industria, recuperar a calidade dos servizos públicos e apoiar o rural”. “Temos o mellor candidato, José Ramón Gómez Besteiro, e temos un proxecto para darlle a Galicia o que necesita e o que merece. Unha política útil á xente. Todo o que estamos facendo os socialistas alí onde gobernamos, tanto no Goberno do Estado, como na Deputación de Lugo e nos concellos”.