A Federación Veciñal presenta un proxecto para acadar a igualdade no rural

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa

A Federación de Asociacións de Veciños da Provincia de Lugo presentou un proxecto que contribúe a seguir avanzando no camiño cara a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, especialmente no rural.

presentacion proxecto igualdade no rural
presentacion proxecto igualdade no rural
26 oct 2023

A Federación de Asociacións de Veciños da Provincia de Lugo presentou un proxecto que contribúe a seguir avanzando no camiño cara a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, especialmente no rural. Trátase do programa Igualdade e Loita contra a Violencia de Xénero no Medio Rural da Provincia de Lugo, ao que a institución provincial achega 12.000 euros. Os deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participaron na presentación desta iniciativa, xunto ao presidente da Federación, Jesús Vázquez.

Rivera Capón destacou a importancia deste proxecto que “incide no ámbito rural e responde a dous firmes compromisos que temos na institución provincial”. Explicou que se trata, por unha banda, de “escoitar e apoiar ao movemento veciñal, puxante na nosa provincia, como puidemos comprobar hai tan só uns días no Día do Veciño, que reuniu a unhas 5.000 persoas no Pazo de Feiras”, e, por outra, “traballar pola igualdade entre mulleres e homes, e en contra da violencia machista”.

A programación, que se está a desenvolver nesta anualidade, inclúe actividades que combinan a sensibilización, o lecer, a formación, o asesoramento e o acompañamento ás mulleres do rural e de pequenos centros urbanos da provincia. Destacan andainas pola igualdade, cursos de dixitalización, a edición dunha revista ou a obra de teatro para a igualdade Só unha malla, que foi representada este mércores tras a presentación do programa no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

“Aplicamos a perspectiva de xénero en cada unha das accións políticas que levamos a cabo, e por iso apoiamos iniciativas coma esta, porque buscamos avanzar cara unha sociedade máis igualitaria e máis xusta, e iso pasa porque mulleres e homes teñamos as mesmas oportunidades e os mesmos dereitos”, explicou Pablo Rivera.

Os deputados felicitaron á Federación polo proxecto, ao que neste 2023 lle puideron dar continuidade grazas ao apoio económico da Deputación de Lugo.