Jose Luis Tejón: “Eu fágoo todo o mellor posible, por iso a xente queda contenta”

SarriaXa

Falamos con Jose Luis Tejón López, emprendedor do negocio Excavaciones Matanza de Sarria.

Excavaciones Matanza
Excavaciones Matanza
1 oct 2023

Falamos con Jose Luis Tejón López, emprendedor do negocio Excavaciones Matanza de Sarria.

Cando nace e como xorde a idea de poñer en marcha Excavaciones Matanza?

Nace porque sempre tiven a idea de emprender e facer un negocio pola miña parte e como tiña experiencia no sector das escavacións e de desmontes de leiras, decidín emprender nese camiño.

Ademais, gustábame moito andar coas máquinas, polo que no 2016 decidín poñer en marcha o meu proxecto individual para axudar a particulares e entidades a acondicionar leiras e arrancas raíces das árbores e demais actividades que me propuxeran.

En que consiste o traballo?

O traballo consiste en acondicionar terreos, leiras ou espazos nos que alguén quere establecer unha nova actividade, xa sexa económica, como a gandería ou a agricultura, como se alguén quere dispoñer dese espazo limpo para construír algunha cousa, como una cuadra, algunha fosa séptica, un lugar para os xurros, unha piscina...

Ademais de traballar coas máquinas, hai que falar coa xente, aconsellar que é mellor no seu caso segundo a experiencia e a viabilidade do proxecto, de que forma actuar, presentar os presupostos...

O único traballador da empresa son eu e non subcontrato nada, a menos que sexa un traballo moi grande, que entón tería que chamar a alguén con outra das máquinas coas que traballamos para que me boten unha man.

Con que maquinaria e elementos traballa?

Eu empecei cunha escavadora mixta, que é como un tractor, coa que se traslada a terra dun lado ao outro e vale para calquera tipo de traballos, xa sexan escavacións, zapatas, sitios complicados, drenaxes, saneamento de fincas...

Hai dous anos decidín comprar un camión para mover mercancía, transportar os áridos e tamén me permite poden entrar por camiños complicados.

E este ano comprei unha retroescavadora xiratoria para acometer traballos máis duros, que requiren máis forza e máis traballo, como pode ser mover grandes cantidades de terra e arrancar raíces de árbores grandes. Esta máquina ten moita calidade, polo que saca máis traballo e compensa o que non poden facer as outras. E con estas tres levo a cabo o traballo.

En que tipo de terreos actúa?

En xeral en calquera terreo. A maioría de terreos nos que traballo son  de labradores particulares en diferentes pobos que teñen leiras. Estes pídenche calquera cousa, desde arrancar raíces ata cargar abono.

Ademais, fago traballos para albaneis, para que estes poidan realizar as súas funcións nun lugar concreto e tamén traballei para diferentes concellos, como o de Paradela e o de Láncara, nos que acondicionei e restaurei camiños que son parte do municipio.

Cales son os terreos máis difíciles?

Difíciles son todos. Hai sitios complicados que che levan máis tempo, pero indo lentamente, vas ben; pero sitios mais chans poden sorprenderte e os complicados sempre son os de pendente.

Aínda así, os sitios malos son os que me tocan a min, a xente da aldea xa sabe cando chamar ou non, se non xa o fan eles.

Como é o trato cos clientes?

O trato cos clientes é moi próximo e somos todos máis ou menos coñecidos. Hai un pouco de todo, pero en xeral moi ben. Eu por exemplo cando vou polos pobos invítanme a comer e hai moita flexibilidade de horarios e de cambios.

Eu diría que o que se nota é que hai confianza e proximidade. Pola súa parte, sempre din que están contentos co traballo e moitos dos me chamaron unha vez, volveron chamar.

Algunha novidade no sector que mereza a pena comentar?

As maquinas son cada vez máis modernas, máis cómodas e sacan máis traballo en menos tempo en xeral. O problema é que presentan mais avarías, pero é o que hai.

Despois de tantos anos, que é o máis importante que se aprendeu?

Cada vez os clientes teñen máis tractores e aínda que non saiban facelo, fano eles. Pero si que teñen que chamar a unha persoa coma min cando son traballos complicados, para por iso estou eu, pero cada vez hai menos cousas que arranxar. A pesar de todo iso, segue sendo necesaria unha maquina, polo que somos menos pero somos necesarios.

Podería facer unha valoración final do seu traballo?

Eu fágoo todo o que fago o mellor posible e o máis rápido posible, por iso a xente queda contenta e volven chamar. Nós cobramos por hora e por iso é importante a rapidez, a pesar de que ás veces arriscamos a nosa seguridade, pero con xeito e maña todo faise ben.

Hai traballos más rendibles ca outros. Se che toca unha raíz ou un penedo, a máquina sofre e os arranxos son caros, ademais do gasóleo, polo que eu intento facer o que podo na casa, pero tamén ás veces tes que depender de profesionais.

Excavaciones Matanza  2