Skip to main content
Uncategorized @gl

Sitúan ao Campus Terra como un laboratorio de I+D+i para o sector primario

Por 26 Outubro, 2023Sin comentarios

Unhas xornadas sobre os retos do sector lácteo en Galicia impulsadas polo grupo de investigación PROePLA da USC constatan a permanente transferencia de recursos e coñecementos a empresas e produtores agrogandeiros e forestais, que teñen na sede universitaria luguesa un polo de innovación e desenvolvemento, sinala Francisco Fraga.

O Campus Terra da USC está chamado a ser o o gran laboratorio de I+D+i para as empresas e produtores do sector agrogandeiro e forestal, segundo subliñou este mércores o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, na apertura da xornada ‘Retos do sector lácteo’, un foro de análise e debate promovido polo grupo de investigación PROePLA da USC, no marco do que diversos relatores abordaron na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría os desafíos que depara o futuro inmediato ás explotacións de vacún de leite de Galicia desde catro ópticas: financiamento, sustentabilidade, produción e innovación.

Francisco Fraga, acompañado do deputado provincial delegado da área de Recursos Sostibles, Fran Cajoto, e do catedrático da USC e coordinador de PROePLA, un grupo de investigación de referencia competitiva para a Xunta de Galicia, Manuel Marey, agradeceu na súa intervención a estreita colaboración que mantén a Deputación Provincial de Lugo coa USC. Un apoio sostible que posibilita a organización de actividades para a transferencia de coñecementos e de innovación á sociedade, ao tempo que se traduce na disposición de novas dotacións, tal e como son a Granxa Experimental de Leite, localizada nas parcelas de Gayoso-Castro, onde tamén se contempla unha granxa de porcino, ou as instalacións necesarias para acometer o traslado da Facultade de Formación do Profesorado ao campus universitario.

A transferencia de beneficios á sociedade e, nomeadamente ao sector primario, a fin de mellorar a súa calidade de vida das súas xentes e a rendibilidade das explotacións agrogandeiras e forestais, xustifica o importante apoio financeiro que presta a Deputación de Lugo á USC, dixo Fran Cajoto. O coordinador de PROePLA abundou nesta mesma idea ao afirmar que o obxectivo destas xornadas é o de fornecer a conexión entre universidade e tecido produtivo a través dun foro que posibilita achegarse á realidade e ás problemáticas advertidas nun sector estratéxico para Galicia, como é o da produción de leite, a través dos testemuños de diferentes especialistas, que abordaron os posibles itinerarios para avanzar, así como outras cuestións relativas ás marxes de actuación que deben guiar o sector nun contexto marcado por un novo marco lexislativo e con continuas flutuacións nos mercados.

O director de Banca Sectorial de Abanca, Jesús Combarro, abriu a palestra de relatorios das xornadas cunha exposición sobre os desafíos de financiamento que lle agardan ao sector lácteo, así como respecto das posibilidades de acceso a recursos económicos ás que actualmente acceso as explotacións de gando vacún de leite.

O enxeñeiro agrónomo e responsable de produto de Egais da multinacional Alltech, Henrique Prado, abordou deseguido neste foro os retos para a sustentabilidade que deben afrontar as granxas de leite e afondou sobre as posibilidades de aproveitamento de residuos gandeiros. A fertilización de solos como base para a produción de forraxes centrou a intervención do director técnico do grupo Aresa, e Rubén de Castro, mentres que o enxeñeiro agrónomo formado tamén na sede universitaria luguesa Mario Rouco pechou a palestra de intervencións cunha charla sobre retos para a innovación dende a perspectiva dunha empresa xove e innovadora como é Innogando.

Xa en quenda de tarde, as xornadas ‘Retos do sector lácteo’ trasladaron a súa actividade á Granxa Gayoso Castro, unhas instalacións localizadas no concello de Castro de Rei e que a Deputación de Lugo e a USC comparten nos eidos da investigación, innovación, formación e transferencia. A veterinaria Sonia Verdes, directora da granxa, acompañou ás persoas participantes nesta visita, durante a que, ademais de ver as súas modernas instalacións de que dispón a granxa, o público tamén poderá asistir a sesións de demostración dos equipos de Innogando.

PROePLA

O grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) do Campus de Lugo da USC, un equipo coordinado polo catedrático Manuel Marey, conta xa cunha traxectoria de máis de 25 anos, un período no que mantivo unha firme aposta pola transferencia, a investigación e a innovación en colaboración co todo o sector agrario galego. O labor desenvolvido neste tempo desde PROePLA, un grupo de referencia competitiva en Galicia, tradúcese no desenvolvemento de numerosos proxectos de investigación, así como nun amplo abano de publicacións e de teses de doutoramento.