Monforte acolle a representación teatral 'Unha inimiga do pobo' este xoves

RibeiraSacraXa

A obra 'Unha inimiga do pobo', da compañía Talía Teatro, será representada este xoves, 23 de novembro, no Edificio Multiusos do Concello de Monforte a partir das 20.

unha inimiga do pobo
unha inimiga do pobo
20 nov 2023

A obra 'Unha inimiga do pobo', da compañía Talía Teatro, será representada este xoves, 23 de novembro, no Edificio Multiusos do Concello de Monforte a partir das 20.15 horas despois de que fora cancelada no mes de outubro por causas alleas ao Concello.

A obra, obra escrita por Henrik Ibsen, está dirixida por Tito Asorey e cun elenco artístico formado por Toño Casais, Diego Rey, Marta Ríos, Dani Trillo, Artur Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Marta Lado e María Ordóñez.

Dirixida a público adulto, é a adaptación dunha das pezas máis significativas da literatura dramática universal. "Cento corenta anos despois da súa creación, o texto de Henrik Ibsen segue a servir de material inflamable para denunciar unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación, ao tempo que permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa. A rabiosa actualidade do texto próbase ao descubrir como os problemas incipientes que o protagonista afrontaba no século XIX volvéronse máis profundos e daniños no século XXI", explican desde o Goberno local.

A seguinte obra programada polo Concello de Monforte, dirixida para todos os públicos, será A autopista de Argalleiras Chantada, que terá lugar o sábado 25 de novembro na Casa da Cultura ás 20.00 horas, sendo a entrada gratuíta.

Esta peza está dentro do Circuíto de Teatro Afeccionado da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

inimiga no pobo monforte