Os establecementos turísticos e as adegas de Quiroga xa aparecen en Google My Maps

RibeiraSacraXa

Co obxectivo de promocionar as empresas locais no sector turístico, as áreas de Turismo e Cultura do Concello de Quiroga sacan adiante varios mapas dixitais a través da plataforma Google My Maps.

google_my_maps_quiroga
google_my_maps_quiroga
1 nov 2023

Co obxectivo de promocionar as empresas locais no sector turístico, as áreas de Turismo e Cultura do Concello de Quiroga sacan adiante varios mapas dixitais a través da plataforma Google My Maps. Unha vía máis para facilitarlle a chega de información turística aos visitantes da nosa comarca e tamén a propia veciñanza.

Nos mapas pódense encontrar os diferentes tipos de aloxamentos que están repartidos polas distintas zonas do concello, dende o Concello ata a Serra do Courel. A este súmaselle un mapa sobre as diferentes empresas no sector agrícola que traballan cos catro tesouros quirogueses: o viño da Ribeira Sacra, o aceite da Mansa e Brava, o mel e a castaña.

A través dos enlaces que tamén se atopan na páxina web do Concello de Quiroga pódese entrar directamente no mapa que recolle todos os aloxamentos turísticos, casas de turismo rural, albergues, hoteis, hostais e refuxios de montaña que se atopan no municipio de Quiroga.

O mapa das adegas e almazaras, ao que se accede a través deste enlace, axuda a localizar todas as empresas locais que se dedican ao sector vitivinícola, olivareiro, produción de castañas e recolección de mel. A través desta plataforma tamén se pode acceder aos mapas de varias rutas de Quiroga: a ruta das Fervenzas, a ruta Quiroga no Ar e a ruta Quiroga Literaria.

QR cos atractivos turísticos

Ademais no referente ao turismo, o Concello de Quiroga xa conta coa baldosa que contén o código QR que leva á aplicación Aldealista na que está incluído o municipio. A aplicación creada polo economista e empresario Juan Carlos Pérez Rodríguez ten como obxectivo dar visibilidade aos recursos e atractivos turísticos dos municipios de menos de 5.000 habitantes, axudando a coñecer estes lugares e loitar contra o despoboamento.

A través destes códigos, os visitantes poden acceder a moitas informacións sobre as aldeas de cada municipio, como as casas dispoñibles para vender ou alugar, os atractivos paisaxísticos e culturais, os servizos turísticos, as festas ou a gastronomía. A aplicación utiliza un algoritmo que lle recomenda aos usuarios os lugares máis acordes cos seus gustos persoais.