Abre en Humanidades unha mostra sobre a pegada de dez mulleres galegas

LugoXa

A exposición ‘Pioneiras.

12 dic 2023

A exposición ‘Pioneiras. Os dereitos en Galicia: unha historia de mulleres’, elaborada por alumnado do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, permanece aberta ao público na entrada do centro universitario lugués.

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC pon o foco na defensa dos dereitos humanos coa mostra Pioneiras. Os dereitos en Galicia: unha historia de mulleres, que permanece aberta ao público na entrada do centro universitario lugués.

A exposición, elaborada por alumnas de último curso do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural matriculadas na materia Ética Aplicada á Produción e a Xestión Cultural, que imparte a profesora Beatriz Fernández Herrero, presenta ao público visitante unha escolma de defensoras galegas co obxectivo de dar a coñecer a súa pegada e o esforzo realizado para avanzar na progresiva conquista dos Dereitos Humanos, tantas veces reivindicados e defendidos por mulleres de todo o mundo, moitas delas silenciadas e ou invisibles.

As pioneiras ás que fai referencia a mostra inaugurada na Facultade de Humanidades distínguense polo súa loita a prol de diversos dereitos como á educación, á non discriminación, á liberdade, lingüísticos e medioambientais, entre outros. De feito, esta exposición recolle a traxectoria de dez mulleres desde o século XIV ata a actualidade, entre as que cómpre citar as tres irmás Touza, que axudaron a fuxir a moitas persoas xudías que, perseguidas polo nazismo, chegaban a Ribadavia na procura dunha ruta cara a lugares nos que a súa vida non estivera ameazada, ou Mafalda Souto, quen dedicou a súa actividade científica a investigar para mellorar a vida das persoas albinas dalgúns países de África, nos que as persoas que presentan estas características, ademais de ter un risco elevado de padecer un cancro de pel, son perseguidas e mutiladas.

Outra das singularidades que presenta Pioneiras é a accesibilidade para todos os públicos, dado que os promotores desta iniciativa optaron por incluír un código QR que permite ás persoas con diversidade intelectual a lectura de todos os contidos. Esta ferramenta posibilita asemade acceder a unha versión estendida e completa de todos os textos recompilados.