Carme Aira apoia ao sector da limpeza na súa reivindicación dun convenio digno

LugoXa

Carme Aira, trasladou o seu apoio ás traballadoras do sector da limpeza na súa reivindicación dun convenio digno.

28 dic 2023

Carme Aira, trasladou o seu apoio ás traballadoras do sector da limpeza na súa reivindicación dun convenio digno. Aira, acompañada das concelleiras do BNG Cristina López e Maite Ferreiro, acudiu este mércores ata a caravana dende a que o sector continúa a protestar.

A parlamentaria mantivo unha xuntanza con representantes do sector, onde coñeceu de primeira man o estado das negociacións e as reclamacións das traballadoras. A deputada afirmou que é “   inadmisible que a Xunta de Galiza se poña de perfil nun conflito como o do sector da limpeza".

O sector da limpeza está a reclamar, ademais da mellora salarial, unha serie de melloras sociais e laborais como a actualización de salario base que agora está “por baixo do salario mínimo interprofesional e que os trienios non sexan un complemento fixo”. Aira referiuse ás condicións laborais das traballadoras: “Estamos a falar dun sector fortemente feminizado xa que o 95 % do seu persoal son mulleres e onde existe un alto nivel de precariedade”.

Segundo a parlamentaria, a Xunta non pode permitir que “a proposta que está enriba da mesa, por parte da patronal, sexa de salarios por debaixo do salario mínimo interprofesional, nun sector xa moi precarizado e amplamente feminizado".

Neste senso, a patronal “ten que responder á mobilización masiva das traballadoras que levan en folga dende o 16 de outubro ", explicou a deputada do BNG, que se comprometeu a darlles voz no Parlamento Galego. Dende o BNG sempre “defendemos unha contratación pública na que se garantan unhas condicións sociais e laborais dignas nuns pregos de licitacións millonarios que as empresas usan para precarizar cada vez este sector", concluíu Carme Aira.