Modepen A Mariña rematou a súa enquisa sobre a asistencia ao centro de saúde de Ribadeo

AMariñaXa
Un grupo de pensionista da Mariña decidiron integrarse no movemento Modepen, nacendo así Modepen A Mariña.
18 ene 2024

O colectivo de pensionistas da Mariña de Modepen, Movemento de Pensionsitas de Galicia, estivo facendo unha enquisa entre os usuarios do centro de saúde de Ribadeo para avaliar a localización do futuro Centro de Saúde.

O cuestionario, que ó final foi contestado por 162 persoas que acudiron ao centro de saúde entre mércores 10 de xaneiro, xoves 11 e venres 12, foi deseñado para recoller datos sobre diversas características dos asistentes. Entre elas figuraban a idade, sexo, departamento sanitario de asistencia, procedencia da vila ou do rural e, sobre todo, medio polo que se achegaban ás instalacións.

A recollida de datos fíxose en dous días con asistencia a analíticas, mércores, día no que hai mercado en Ribadeo; e venres, e un sen ela, xoves. "Nos dous primeiros recolleuse algo menos de un terzo do total cada día, e no último, algo máis. Polo demais, non houbo incidencias particulares, aínda que se recolleu tamén algún detalle extra en enquisas e momentos concretos, para o seu análise particular", din desde Modepen.

O seu deseño foi realizado para poder contrastar as afirmacións mantidas por cada parte na xuntanza que se tivo o pasado día 21 de decembro entre o alcalde e unha representación de Modepen.

Os resultados reflicten que un 76 % de xente acode a pé fronte a só o 24 % de xente que se achega en coche e que a porcentaxe de asistencia de xente que reside na vila e no rural é dun 80 % para residentes na vila fronte a un 20 % de residentes no rural.

Asemade, dende Modepen concluen que "a xente  que se despraza a pé veríase en xeral negativamente afectada pola localización que se pretende do centro de saúde nas aforas da vila, dificultando o desprazamento a pé, mentres que á xente do rural seríalle indiferente, se ben en moitos casos a situación do centro de saúde nas aforas suporíalle o ter que mover o coche para facer xestións no pobo".

É dicir, nun tema fundamental en relación ao acceso sanitario, "non se aprecian para os usuarios vantaxes da construción dun novo centro de saúde fronte á estación de servizo á entrada de Ribadeo, en contraposición a unha ampliación do centro en funcionamento ou o uso dun lugar non moi afastado do actual para a construción dun novo", engaden, "todo dito, sen contar con que necesita unha variación do PXOM ou un orzamento adecuado, e sen que á súa vez, ambas cousas interfiran na dotación de persoal do centro, minguada dende hai tempo".