A Xunta esixe responsabilidades polos danos provocados pola vertedura de granulados

AMariñaXa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá que o Executivo autonómico solicitou ao Goberno central que inicie o proceso para esixir responsabilidades por danos medioambientais no dominio público marítimo-terrestre a quen corresponda pola vertedura de granulados que está a afectar ás costas galegas.

galicia sabe amar pellets
galicia sabe amar pellets
20 ene 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá que o Executivo autonómico solicitou ao Goberno central que inicie o proceso para esixir responsabilidades por danos medioambientais no dominio público marítimo-terrestre a quen corresponda pola vertedura de granulados que está a afectar ás costas galegas. “Onte mesmo nos diriximos ao Goberno central para que lle esixa responsabilidades a quen causou todo o que pasou”, explicou.

Durante unha visita a unha das foodtrucks da campaña 'Galicia sabe Amar' en Ribadeo, no que estivo acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, Rueda salientou que a Xunta fixo esta solicitude por escrito ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico en base a Lei 26/2007, do 23 de outubro, de responsabilidade ambiental en calidade de parte interesada.

O presidente lembrou que é o Goberno estatal quen ten as competencias para actuar fronte a un episodio de contaminación mariña e polo tanto o que ten que avaliar os posibles danos medioambientais da vertedura e a responsabilidade dos custos que agora mesmo están a sufragar as administracións.

Logo de asegurar que o Goberno galego “como parte implicada que está poñendo medios para a limpeza” para deixar as praias libres de granulados e doutros plásticos, Rueda salientou que é o momento de “esixir responsabilidades”. “Había que seguir intentando, como fan os medios da Xunta, buscar os sacos no mar e desde logo tamén hai que reaccionar e pedir responsabilidades por todos os custos e todo o dano que se produciu”, manifestou.

Defensa dos produtos do mar galegos

Rueda quixo enxalzar e defender unha vez máis a excelencia dos produtos do mar galegos e lamentou os “bulos” que se verteron nos últimos días sobre a súa calidade.

“Danouse unha imaxe que era impecable e que o ten que seguir sendo, e polo tanto hoxe estamos aquí para reiterar que Galicia sabe Amar, que ten uns produtos pesqueiros de primeirísima calidade e que o seguen sendo sen ningunha dúbida”, asegurou.