Skip to main content

O FIV 2024 presenta o seu cartel para o festival de abril

Por 24 Xaneiro, 2024Sin comentarios

No mesmo día no que se pon á venda o cuarto tramo de entradas, presentouse o cartel definitivo do FIV 2024. Na casa da dultura de Vilalba, a concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez, xunto con Carlos Montilla, director da promotora galega, I-radia Crea, deron a coñecer o cartel da decimosétima edición, que se celebrará durante o 26 e 27 de abril en Vilalba.

Un ano máis, a localidade tínguese de fucsia na primavera, acollendo durante esa fin de semana a diversos artistas e bandas nacionais e galegas de renome que farán bailar e gozar ao público.

Iván Ferreiro encabeza o cartel da nova edición do festival vilalbés, no que están programadas doce actuacións do mellor da música indie.

O galego Iván Ferreiro presentará en Vilalba o seu novo álbum, Trinchera pop en directo con tdas as súas cancións máis emblemáticas. Estará acompañado da súa banda habitual.

Xunto a el estará Dorian. O seu regreso á actualidade musical produciuse o pasado mes de decembro coa publicación –e o éxito– de Dos vidas, gran single de adianto, cuxa arrebatadora melodía de voz viña arroupada por poderosas liñas de sintetizador marca da casa. Dos vidas incluía na súa letra unha homenaxe ao premio Nobel de literatura Gabriel García Márquez e os seus Cen anos de soidade, dándonos algunhas pistas sobre o que se aveciñaba.

El columpio asesino é outra das confirmacións. É unha das bandas máis influentes do pop nacional. Desde 1999, esta banda de Pamplona leva máis de dúas décadas sendo referente da música alternativa en España, e agora a súa traxectoria chegou ao seu fin. Atópanse inmersos en Amarga Baja, coas que están a celebrar esta despedida ao grande facendo o que mellor saben facer: lembrándonos en directo todos os momentos vividos coas súas cancións ao longo de todos estes anos.

Seguen no programa a actuación de Veintiuno. Diego Arroyo (voz, guitarra e teclados), Yago Banet (baixo), Pepe Narváez (batería e percusión) e Rafa Pachón (guitarrista), compoñen esta banda toledana. Son acérrimos defensores do concepto de banda e defínense como unha irmandade de losers coas ideas claras e que saben que, salga ben ou salga mal, crecerán e caerán xuntos. Levan anos labrándose un oco importante no panorama musical e obtiveron máis de 10 millóns de streams co seu álbum, Corazonada.

Niña Polaca é outra das confirmacións. Por fin chega Que adoren tus huesos, o esperado segundo álbum, desvelado ao longo dun camiño marcado por seis adiantos. Un proxecto cuxo punto de partida visible foi Lo que yo te he querido (pretérito perfecto), a mediados do novembro pasado, pero que foi concibido como un conxunto desde o primeiro momento.

Outros tres grupos completan o programa, Grande Amore, Mondra e Lontreira.

Grande Amore, ou o que vén sendo o proxecto formado por Nuno Pico, Clara Redondo e mariagrep, chegará ao FIV para deleitarnos con II, o seu segundo álbum. 10 temas que non deixarán indiferente a ninguén, confirmando o salto de Grande Amore como artista.

Xunto a estes estará Mondra, artista, cantante e bailador. O seu último álbum é unha experiencia musical, visual e performativa en diálogo coa música tradicional galega.

Adriana Cores, Héctor Rodríguez (Rotce) e Iván Barral son os tres compoñentes de Lontreira, un grupo de música en galego con raíces na Illa de Arousa e con Vigo como berce da súa formación.

Como non podía ser doutro xeito, estará presente a Banda de Música de Vilalba para deixar o resto do cartel a Serial Killerz, un dúo formado por Joe Cabana (DJ) e J Arriola (Drums).

E ademais, estarán EME DJ e Señora DJ. Marta Fierro, máis coñecida como Eme DJ, ten unha das traxectorias máis recoñecidas como DJ na escena indie-disco-pop de toda España. Señora Dj é una dj galega residente en Vilagarcía de Arousa.

“Con esta proposta musical volvemos a poñer o FIV no mapa, inaugurando a tempada de festivais. Estamos moi satisfeitos coa acollida recibida, xa que se vendeu a metade do aforo antes de publicar o cartel e o aloxamento leva semanas completo, demostrando a confianza e o entusiasmo que ten o público por esta cita”, sinalou Montilla.

Pola súa banda, a Concelleira de Cultura Tamara Rodríguez explicou a súa decisión de “devolver o festival á súa situación orixinal”, isto é a Praza da Constitución. “Queremos achegar a xente ao centro da vila coa intención de poñer en valor o noso casco histórico e favorecer ao noso comercio e hostalaría” declarou.

Rodríguez, que fixo especial fincapé na necesidade de camiñar cara un festival “sostible economicamente para o Concello” defendeu o formato de organización elixido para esta edición como unha fórmula que, mantendo intacta a esencia do FIV, “cumpre escrupulosamente cos criterios de rigor e responsabilidade presupostaria”

O festival tamén contará un ano máis co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que impulsa os encontros en torno ao directo.

Tras esgotarse os abonos promocionais e o segundo tramo de abono Fiver xeral nas primeiras horas de saída á venda, así como tamén o “abono Fiver” a 38 euros (+g.x) posteriormente; dende hoxe estará dispoñible o último cupo de abono xeral a 45€ (+g.x) na páxina web, así como un cupo limitado de abonos para os menores de dezaseis anos .

A información sobre a acampada darase a coñecer proximamente a través das redes e a web. Tamén poñeranse á venda as entradas de día nas vindeiras semanas.