Skip to main content
Samos

Inaugúrase a praza Vergara Vilariño e o museo etnográfico de Samos

Por 29 Marzo, 2024Abril 1st, 2024Sin comentarios

A praza Vergara Vilariño de Samos foi inaugurada na Horta da Botica este 28 de marzo despois de pasar un ano en obras, nun acto promovido pola Asociación de Comerciantes e polo Concello de Samos. Así, decenas de veciños, políticos e simpatizantes achegáronse a participar deste día.

Neste evento participou o Valedor do Camiño, Luís Celeiro, e diversos familiares do poeta Fiz Vergara que foron testemuñas da colocación dunha placa conmemorativa e un poema de Fiz Vergara do ano 1994 para renderlle homenaxe. Ademais, despois celebrouse unha comida no Restaurante Hotel A Veiga.

Inaugurado un novo museo en Samos

Ademais da inauguración da praza, ese mesmo día tamén tivo lugar a presentación do Museo Etnográfico do samanense Pío Préstamo, que leva toda a vida recollendo obxectos antigos relacionados co campo, os oficios e os labores da casa no ámbito rural, que presentou no seu museo.

Pío, de profesión carniceiro en Samos desde 1983, ten 83 anos e conta cunha gran colección privada de obxectos que leva recollendo desde a súa xuventude co obxectivo de conservar o pasado e agora ofréceo para que tanto os seus veciños como turistas e peregrinos poidan coñecer os costumes da vida rural galega.

Polo seu traballo, foi percorrendo a provincia de Lugo e coñecer as parroquias que conforman os diferentes concellos, achegándose á vida das persoas que formaban eses pobos. Desa maneira, foi mercando pezas antigas para a súa colección persoal que estaba motivada pola necesidade de preservar as ferramentas que caracterizaban os traballos tradicionais da zona rural de Galicia.

No Museo Etnográfico de Samos, que xa se pode visitar concertando unha cita previa no número 982 546 014, as persoas interesadas poderán atopar utensilios ben conservados que mesmo se poderían utilizar, como os primeiros teléfonos que apareceron en Samos, un tear, o mobiliario dunha lareira e unha gran serra portuguesa, que utilizou o día da presentación para facer unha demostración.

Ademais, hai cazolas, utensilios de cociña, ferramentas de carpinteiro e unha mesa para utilizalas, unha fragua, rodas de carros de máis de 200 anos de antigüidade, máquinas de coser, obxectos de cestería e alfarería… Todo isto para dar a coñecer o tradicional de Samos e o rural de Galicia co obxectivo de que non desapareza.