Skip to main content
Burela

Burela pon en marcha un programa de paseos saudables para a veciñanza

Por 26 Abril, 2024Abril 27th, 2024Sin comentarios

O Concello de Burela organizará, coa colaboración do centro de saúde do municipio, unha serie de paseos saudables abertos para a veciñanza. As monitoras do Centro de Educación Medioambiental Gaia serán as acompañantes na actividade. O primeiro dos paseos terá lugar o xoves 2 de maio, ás 10.00, con saída dende o propio centro de saúde. A iniciativa repetirase ao longo dos meses de maio e xuño.

Estes “Paseos Saudables con Gaia” encándranse no marco da Estratexia de Promoción da Saúde do Ministerio de Sanidade e do Plan Local do Centro de Saúde de Burela. A concelleira responsable do Centro Gaia, Lina Gómez Pardo, convida “a todas as veciñas e veciños de Burela a participar nestas andainas, un xeito perfecto de manter un hábito saudable dunha maneira divertida e amena”.

Dende o Centro de Saúde sinalan que “a evidencia científica indica que os grupos de paseo ao aire libre teñen moitos beneficios para a saúde, incluíndo a redución da presión arterial, a graxa corporal, o colesterol total e tamén o risco de depresión”. O persoal do centro engade que estes paseos son “unha actividade que é atractiva para os participantes, ten altos niveis de adhesión e está practicamente libre de efectos adversos”.