O Pescados Rubén feminino de FS xa é matematicamente campión de Liga

AMariñaXa

Ás 18.

burela campion matematico liga
burela campion matematico liga
28 abr 2024

Ás 18.45h desta tarde, no pavillón municipal Vista Alegre, de Burela, disputábase un dos partidazos da tempada de Primeira División Iberdrola, o partido da xornada 26, Pescados Rubén Burela FS - Arriva A.D. Alcorcón FSF, cun resultado final 3-2. Un partido con ao redor de 900 espectadores e ao que asistiu o Conselleiro do Mar, Alfonso Villares. Gran asistencia este sábado en Vista Alegre, en parte, pola volta de Peque á nosa bomboneira, aínda que esta vez como rival no seu primeiro partido de Liga non formando parte do plantel laranxa. Unha primeira parte dominada polo Alcorcón que o Burela logra remontar a partir da segunda metade do segundo tempo con moi boas intervencións de Ana Eliza, especialmente ao final do partido, un final frenético.

Comeza o partido con presión por parte dos dous equipos durante os primeiros minutos. Moito xogo de balón pero poucas chegadas a porta. A partir do minuto 5 o Alcorcón aperta con máis intensidade chegando a salvar Ana Eliza dúas situacións bastante claras que poderían poñer ao conxunto visitante por diante nesta primeira parte. Nos seguintes minutos tócalle apertar ao Burela, con varios tiros a porta sen acerto. No minuto 17 tras un tempo morto Clau López mete o 0-1 a pase de Peque nunha moi boa xogada colectiva. Chega o descanso 0-1 no marcador.

Na segunda parte presiona con intensidade o conxunto local durante os primeiros minutos ata que no minuto 24 Antía Pérez consegue empatar o encontro tras un saque de portería e un bo roubo a media pista. Pero no minuto 28 Peque chega a portería rival tras un roubo de Nere Moldes e enchufaa ao pau longo cunha definición perfecta. Por primeira vez vemos á xogadora madrileña dubidar durante décimas de segundo ante unha portería e, coma sempre, non falla. Segundos despois Antía Pérez ve a dobre amarela e é expulsada do partido, deixando ao Burela cunha perigosa desvantaxe que pode supoñerlles o partido, pero a pesar diso o Pescados Rubén continúa medrándose. No minuto 22 Julio Delgado saca a Cilene de porteira-xogadora e no minuto 33 Patricia consegue empatar de novo marcando a pracer tras unha boa circulación co xogo de 5. Dous minutos de xogo despois Cami róubaa e tras unha parede con Patricia anota o 3-2. É entón cando comeza a presionar o conxunto madrileño con xogo de 5, con Vane Sotelo como porteira-xogadora, pero non consegue derrubar a defensa do Burela sen esquecernos das numerosas e boísimas intervencións de Ana Eliza que salva varias oportunidades clara especialmente nestes últimos minutos do partido.

O Pescados Rubén Burela FS proclámase matematicamente Campión da liga Regular nesta tempada tras esta vitoria. Xogará os playoff coa vantaxe que supón o factor cancha ante dous posibles rivais, o de hoxe, o Arriva A.D. Alcorcón FSF ou ante o Poio Pescamar FS que hoxe logrou facer un punto en Navalcarnero gañando outro punto de vantaxe ante as madrileñas que preto estiveron de puntuar na xornada de hoxe en Vista Alegre. No próximo encontro as nosas Guerreiras Laranxas viaxan a Barcelona para atoparse co AE Lles Corts-UBAE ás 16.00h no Pavillón Campus Nord UPC.