Acisa Ribadeo celebrou o seu 35 aniversario nunha gala

AMariñaXa

Ribadeo acolleu a X Gala da Asociación de comerciantes, industriais, servizos e autónomos de Ribadeo (Acisa), que celebrou a súa entrega anual de galardóns coincidindo co 35 aniversario da entidade.

acisa_ribadeo_gala
acisa_ribadeo_gala
29 abr 2024

Ribadeo acolleu a X Gala da Asociación de comerciantes, industriais, servizos e autónomos de Ribadeo (Acisa), que celebrou a súa entrega anual de galardóns coincidindo co 35 aniversario da entidade. O presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Antonio Garamendi, interveu, a través dun vídeo, na gala da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) e felicitou a ACISA polo seu 35º aniversario. Lembrou os seus vínculos familiares coa vila ribadense, que visita con frecuencia, e destacou a importancia do tecido empresarial da localidade.

Ao comezo do evento interviñeron tamén o deputado responsable da área de Recursos Sostibles na Deputación de Lugo, Fran Cajoto; o conselleiro de Comercio, José González; o alcalde de Ribadeo, Dani Vega; e a presidenta de ACISA, Carmen Cruzado. “En ACISA estamos moi contentos de recuperar esta gala, que non se celebraba desde o ano 2020, e moi satisfeitos de reunir a 140 persoas, a maioría empresarias e empresarios asociados e empregados deses negocios, cos que compartimos unha velada moi agradable. A de onte foi a gala máis numerosa das celebradas ata o de agora”, explica Carmen Cruzado.

Tras a cea, Jesús Pérez fixo un balance moi positivo dos logros e resultados alcanzados por este colectivo empresarial nos últimos anos. E a continuación tivo lugar a entrega dos premios por parte dos directivos de ACISA: á substitución xeracional a María Antonia Lens e María Gamallo, de Xeito; a Susana Lombardero e Candelaria Pacheco, de Panadería A Praza e Pastelería A Candelaria, como negocios emblemáticos; e a Vicky Álvarez Lebredo, como Ribadense do Ano 2024.

Durante o acto tamén houbo un recordo para todas as directivas que estiveron á fronte de ACISA nestes 35 anos e púidose escoitar unha cuña radiofónica dunha das primeiras campañas promocionais, na que se sorteaba catro viaxes a Mallorca, para dúas parellas asturiana e para outras dúas galegas, audio que conserva o asociado Antonio Andina, a quen a actual directiva agradeceu a achega desa gravación.

Dixitalización do sector

José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou o compromiso da Xunta coa innovación de dixitalización do sector retallista e para avanzar na fidelización da súa clientela con medidas como a 5ª edición do Bono Activa Comercio que poden descargarse os particulares. Xa son unha trintena os establecementos adheridos en Ribadeo a este programa.

A través do Bono, a Administración autonómica quere impulsar o comercio local e atraer novos clientes cara ao mesmo. A Xunta destina 2,5 millóns de euros ao Bono este ano, co obxectivo de contribuír a xerar doce millóns en vendas para os establecementos participantes. Os galegos poden descargar xa o bono e acceder aos 30 euros de descontos que ofrece a través da súa aplicación móbil.