Crean un aparcadoiro nas inmediacións da Illa Pancha, en Ribadeo

AMariñaXa

O Concello de Ribadeo creará un aparcadoiro nas inmediacións da Illa Pancha, onde marchan a bo ritmo as obras que realiza no acceso a ese lugar a Autoridade Portuaria cun investimento de 91.

illa_pancha
illa_pancha
30 abr 2024

O Concello de Ribadeo creará un aparcadoiro nas inmediacións da Illa Pancha, onde marchan a bo ritmo as obras que realiza no acceso a ese lugar a Autoridade Portuaria cun investimento de 91.000 euros. “A Autoridade Portuaria está a investir neste momento máis de 91.000 euros, unha administración á que nós desde a oposición lle reivindicabamos que había que investir para mellorar todo este acceso á Illa Pancha e desde o goberno estámolo acreditando”, explicou Dani Vega.

Deste xeito, deixan atrás “ese conflito e esa confrontación absurda, o que temos que ser conscientes é que con esas actitudes, de insulto, de confrontación, non estabamos a traer nada para Ribadeo”. Este entendemento coa Autoridade Portuaria supón a mellora significativa de toda a Illa Pancha: “Un novo pavimentado, mellora dos aparcadoiros, tamén mellora dos puntos de risco como pode ser a curva de acceso á Illa Pancha, ou eses miradoiros que implican certo risco e debemos poñer vallas de protección, hai que mellorar o mobiliario, hai unha parte que se pode rehabilitar, pero hai outro que temos que poñelo novo… iso ata o de agora son 91.000 euros de inversión”.

O alcalde tamén anunciou o obxectivo de crear un aparcadoiro nesta zona. “Todo veciño ou visitante que chega á Illa Pancha non ten onde aparcar, iso xera conflito e atasco todas as fins de semana e isto hai que solucionalo. Podemos mirar cara outro lado e dicir pois que aparquen onde poidan, pero iso non pode suceder. Podemos permitir aparcar, como se está a facer ata o de agora, no carril bici, pero non pode ser que enviemos a Policía Local a sancionar”. Deste xeito, pavimentarán unha parcela que están a arranxar, xa que nos espazos naturais non se pode poñer calquera tipo de material senón aquel que permite a lei.

Polo tanto, supón unha noticia moi importante. “Non só é mellorar o acceso a Illa Pancha senón que é dotar, por vez primeira, dun aparcadoiro no entorno da Illa Pancha e deixar atrás eses atascos de tráfico, eses conflitos que se creaban nese espazo e poñerlle solución, concretada cun aparcadoiro que nos vai servir para ter ben ordenado o tráfico e que non haxa eses problemas que había no verán, nas pontes e practicamente todas as fins de semana”.