Skip to main content
Lugo

Axeigo, A Volta do Agro e Cántigas e Frores protagonizan unha foliada aberta en Lugo

Por 20 Abril, 2024Abril 21st, 2024Sin comentarios

Lugo prepárase para vivir unha nova Foliada. O Campus de Lugo da USC pon en marcha o programa Pola Vila Pola Terra que terá lugar o vindeiro luns 29. A iniciativa achegará un obradoiro de baila da man de Ruth Pérez no hall da Facultade de Veterinaria. Os interesados xa poden realizar as súas inscricións.

Ademais, a partir das 21.00 os amantes da música tradicional poderán gozar do repertorio das pandereteiras da Volta do Agro, do grupo Axeigo e dos cantareiros Cántigas e Frores. O encontro que será de carácter aberto, terá lugar debaixo da cafetería da EPS.

Cántigas e Frores é unha agrupación que nace no 1948 e que se centra na cultura tradicional galega dende a súa creación. Entre as súas propostas máis coñecidas atópanse as escolas de música e baile tradicionais, nas que imparten clases de baile, gaita, canto, percusión tradicionais, acordeón ou zanfona.

Tres colectivos que loitan pola tradición

Xunto aos cantareiros deste colectivo tamén actuará Axeigo, un quinteto que botou a andar no ano 2015 pero que logo dun parón está a recuperar a súa actividade. Pretenden facer que a música tradicional se siga respectando e valorando como se merece e foron os encargados de organizar a primeira Foliada de Primavera en Rábade.

Outro dos protagonistas da cita será A Volta do Agro, un colectivo tamén dedicado á conservación e transmisión da cultura tradicional galega. Levan dende o 1995 recollendo pezas tradicionais, divulgando as nosas raíces a través dos seus obradoiros e transmitindo o legado en cada unha das súas actuacións.