Lugo, capital do cabalo coa 17ª edición de Equigal que aglutina concursos, exhibicións e bautismos ecuestres

LugoXa

A 17ª edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, converterá Lugo na capital do cabalo.

presentación Equigal
presentación Equigal
29 abr 2024

A 17ª edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, converterá Lugo na capital do cabalo. O evento comezará este mércores, prolongarase ata o vindeiro 12 de maio e poderá desfrutarse de xeito gratuíto. O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao xerente do Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo, Rubén López, presentaron nos xardíns do Pazo de San Marcos a cita, cuxa principal patrocinadora é a Deputación que achega 40.000 euros.

“Equigal é unha maneira de xerar valor engadido”, sinalou o Deputado, quen lembrou que tamén contribúe “a poñer en valor o noso sector primario, un motor económico fundamental da provincia”. Fixo fincapé en que o cabalo é hípica, deporte de competición e lecer, “moi atractivo para o público, aínda que as veces pode estar condicionado por unha serie de limitacións”, pero apuntou a necesidade de achegalo aos máis pequenos polos valores que transmite de convivencia, disciplina e respecto.

Nese sentido, incidiu nos bautismos ecuestres, que posibilitan unha primeira toma de contacto co mundo dos cabalos e felicitou á organización pola iniciativa, que este ano permitirá a 300 nenos e nenas da provincia ter un primeiro achegamento con estes animais. Pola súa banda, o xerente do Pazo de Feiras e Congresos e organizador do Salón agradeceu o importante apoio da Deputación, xa que, “sen a súa contribución, este certame sería completamente imposible”.

Concursos, exhibición e bautismos ecuestres

Nesta nova edición participarán máis de 200 cabalos, “cun crecemento importantísimo nos últimos anos” con todo o que implica tanto a nivel turístico para a cidade como para os gandeiros da provincia. A décimo séptima edición de Equigal Salón Internacional do Cabalo de Galicia abrirá as súas portas co festivo do 1 de maio, coa celebración do Open Equigal Concurso Morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Española. Pola súa parte, o delegado territorial, Javier Arias, aplaudiu o esforzo da Federación de Hípica Galega por organizar un ano máis este evento “con grandes probas deportivas e propostas de ocio arredor da equitación”.

Entre o venres e o domingo, 3 e 5 de maio, celebrarase o Concurso Nacional de Salto de Obstáculos; do luns 6 ao venres 10 de maio haberá bautismos ecuestres; entre os días 11 e 12 terá lugar un concurso internacional morfolóxico de cabalos e eguas de pura Raza Árabe; e tamén o día 12 o concurso morfolóxico de cabalo Pura Raza Galega.