Paralizan cautelarmente o proxecto eólico Serra do Punago pola suposta caducidade da DIA

LugoXa

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) paralizan cautelarmente o proxecto eólico Serra do Punago, nos concellos de Baralla e Castroverde, pola suposta caducidade da DIA.

Serra do Punago
Serra do Punago
29 abr 2024

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) paralizan cautelarmente o proxecto eólico Serra do Punago, nos concellos de Baralla e Castroverde, pola suposta caducidade da DIA. O órgano vén de emitir un Auto no que acolle a pretensión da asociación ecoloxista ADEGA de paralizar cautelarmente o proxecto promovido por Acciona Energía SAU. O Tribunal admite a petición de ADEGA ao entender que existen indicios suficientes de que a promotora eólica non acreditou o inicio material das obras do proxecto antes da data de vencimento da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), e que, polo tanto, esta podería estar xa caduca.

Desde a entidade ecoloxista acóllese con satisfacción a decisión por canto outorga validez aos indicios de caducidade da DIA do proxecto Serra do Punago e evita que se podan exercer danos irreparábeis sobre o medio ambiente. En maio de 2023, ADEGA solicitaba á Xunta a apertura do expediente de caducidade da declaración de impacto ambiental do proxecto eólico Serra do Punago e constataba daquela que a empresa promotora non tiña iniciado as obras do parque eólico previamente á data de vencimento da DIA e que tampouco contaba coa licenza municipal preceptiva para poder executalas.

Ademais de non contar “con todas as autorizacións esixibles” pola normativa vixente para poder iniciar as obras, a promotora incumpriu boa parte do condicionado da DIA previo ao suposto inicio das obras. A empresa non tiña presentado na Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental o esixido plan de seguimento de avifauna e quirópteros nin o estudo ambiental dos impactos sinérxicos.

Representación ficticia

Dende o colectivo sinalan que nun intento de manter a vixencia do permiso ambiental, Acciona Energía realizou unha representación ficticia do inicio das obras cunha reportaxe fotográfica na que se observaban os traballos dunha escavadora. Porén, ADEGA verificou que estes traballos correspondían realmente á eliminación da coberta vexetal onde se pretendía instalar a antena anemométrica, pero nada tiñan a ver co inicio das obras do proxecto.

Así mesmo, a empresa pretendeu acreditar ante a Xunta a existencia dun título habilitante municipal para a execución das obras coa presentación dunha licenza municipal que autorizaba unicamente a instalación da torre meteorolóxica. Aseguran que a empresa procuraba, por un lado, manter vixente a DIA de forma fraudulenta e, por outro, suspender indefinidamente a execución das obras do proxecto eólico. Malia a todo, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética deu por boa a reportaxe fotográfica e denegou a solicitude de ADEGA. Esta resolución foi recorrida, resolvéndose finalmente por silencio administrativo, o que deu lugar á posterior interposición de recurso contencioso-administrativo e á solicitude da paralización cautelar do proxecto que se vén de acoller polo Tribunal Superior de Xustiza.