Máis de 130 persoas participan nas XVIII Xornadas de Cultura Clásica en Lugo

LugoXa

Comezaron na Delegación Territorial da Xunta en Lugo as XVIII Xornadas de Cultura Clásica, que se desenvolverán durante toda a fin de semana.

inauguracion_xornadas_cultura Clasica lugo
inauguracion_xornadas_cultura Clasica lugo
6 abr 2024

Comezaron na Delegación Territorial da Xunta en Lugo as XVIII Xornadas de Cultura Clásica, que se desenvolverán durante toda a fin de semana. Suman máis de 130 inscritos e contarán coa participación de expertos e divulgadores nacionais e internacionais.

Están organizadas pola Asociación Cultura Clásica, co apoio do Goberno galego, e céntranse no patrimonio, a lingua e as civilizacións grega e romana. Ademais de conferencias sobre a materia, inclúen obradoiros didácticos, actividades como a lectura de cartas de soldados romanos e a escenificación de técnicas de combate.

Entre as propostas, tamén se encontra a representación de Edipo Rei da man da compañía de teatro Noite Bohemia ou unha cea con receitas extraídas dos textos de Columela e Apicio. O programa rematará o domingo pola mañá, cunha visita guiada por Lugo integramente en latín, dirixida polo Circulus Latinus Gallaicus.