O Arde Lvcvs amplía as súas fronteiras coa colaboración da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas

LugoXa

O Executivo de Paula Alvarellos está a levar a cabo ao longo destes meses previos a celebración do Arde Lvcvs un amplo traballo de promoción da festa a nivel peninsular.

Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas
Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas
30 abr 2024

O Executivo de Paula Alvarellos está a levar a cabo ao longo destes meses previos a celebración do Arde Lvcvs un amplo traballo de promoción da festa a nivel peninsular. Deste xeito, o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, participou na Asemblea da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas, celebrada en Linares, Xaén.

Durante o evento, o edil levou a cabo un labor de promoción activa da Festa do Arde Lucus, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional, e estableceu sinerxias con outros eventos de recreación histórica de todo o país. “O traballo realizado en Linares está encamiñado a enriquecer a nosa celebración no futuro e contar coa máxima participación posible co obxectivo claro de que o Arde Lvcvs siga crecendo como referente internacional”, sinalou edil.

A participación de Bustos nesta asemblea reforza a estratexia do Goberno local de utilizar o Arde Lvcvs e a súa proxección como ferramenta para promover o patrimonio cultural e turístico da cidade a nivel nacional e internacional. Durante o encontro, o Concelleiro presentou a parte orgnizativa do Arde Lucus ante representantes de diversas festas históricas de toda España, destacando a súa singularidade, a súa relevancia histórica e a súa capacidade para atraer a persoas visitantes de todo o mundo. “De forma paralela a este labor de promoción, estamos a  culminar o deseño dos festexos para este ano e traballamos de forma intensa en incrementar a colaboración público-privada para a XXIII edición”, explicou Bustos.

Pretenden xerar alianzas estratéxicas con outras festas de recreación histórica, co obxectivo de promover a participación destas en próximas edicións do Arde Lvcvs. “Estas colaboracións buscan enriquecer a oferta cultural e turística de ambas as partes, así como fomentar o intercambio de experiencias e coñecementos entre as diferentes celebracións históricas de España”, proseguiu. Na actualidade, negociab diferentes vías de colaboración cos máis da metade do medio centenar de membros da  AEFRH. “A nosa participación nesta Asociación, na que ocupamos un cargo na súa dirección, enmárcase dentro  da estratexia do Concello para impulsar o turismo cultural como motor de desenvolvemento económico e social a través do Arde Lvcvs”, concluíu.