Skip to main content
Chantada

Chantada acolleu a asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno

Por 25 Abril, 2024Abril 26th, 2024Sin comentarios

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse na casa da cultura de Chantada para celebrar a súa asemblea xeral, na que participaron unha vintena de representantes dos diferentes concellos, desde Ponferrada ata Santiago de Compostela, e aprobouse o informe de xestión e o balance de ingresos e gastos correspondente ao exercicio 2023.

Comezouse co traballo da posta en marcha do Plan de Dinamización que contén catro retos estratéxicos: a atención ao peregrino, a visibilidade do Camiño, o aumento de alianzas e colaboración e a potenciación do desenvolvemento turístico do territorio Esta reunión era importante para estudar entre os presentes o Plan de Dinamización 2024-2027, con temas como a busca de financiamento e encaixar o camiño noutras ofertas turísticas como os paquetes turísticos das Rutas do Viño ou das empresas privadas que ofertan paquetes de experiencias, e formar parte destas ofertas.

Neste plan, para os próximos anos, tamén se tentará dar a máxima cobertura en sinalización e accesibilidade, adaptando o camiño a persoas con mobilidade reducida ou con limitacións sensoriais.

Para este ano creáronse 4 grupos de traballo onde están representándos os concellos coas súas diferentes comarcas desde Castela León ata Santiago e eses grupos de traballo farán os contactos para figurar nos paquetes turísticos coas diferentes empresas e coas Denominacións de Orixe e Rutas do Viño.

Tamén no ámbito da accesibilidade falarase con asociacións como a da ONCE para recibir orientación sobre actuacións de mellora: “O obxectivo é establecer tomas de contacto para ver o que falta en cada concello e no 2025 poñernos a traballar niso con melloras concretas e co seu correspondente presuposto”, asegura Diego Otero, concelleiro de Medio Ambiente en Chantada e representante do Concello na asociación desde a súa creación no 2019.

Lembra Manuel Lorenzo Varela, alcalde de Chantada, que no 2019 xa se celebrara na vila unha reunión da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno. Daquela, falábase da necesidade dun albergue municipal apostando porque a iniciativa privada collese o protagonismo, e “agora ademais da oferta de restaurantes e hoteis contamos con dous albergues entón xa non vemos esas necesidades. Os peregrinos sempre deixan unha moi boa valoración a ese respecto, aínda así somos conscientes de que hai que seguir mellorando en accesibilidade, temos un terreo difícil porque temos os “Codos de Belesar” e temos que conservalos, pero buscaremos alternativas para mellorar a accesiblidade”, sinala o alcalde.

No Camiño de Inverno, Chantada é punto central porque desde aquí se fan os quilómetros necesarios para conseguir a Compostela, 103 quilómetros, polo que moitos peregrinos inician en Chantada o seu camiño. Como paso do Camiño de Inverno, os peregrinos amosan a súa satisfacción con esta ruta que lles permite facer un camiño de tranquilidade.

“O que nos din desde a Asociación e desde as oficinas de turismo é que este camiño gústalle moito aos peregrinos xa que evitan as masificacións dos outros camiños, viven a esencia do camiño, de facelo con tranquilidade sen preocuparse por onde durmir. De ano en ano na vila nótase que cada vez se ven máis peregrinos na rúa, almorzando a primeira hora nos locais, cada vez hai máis movemento, nótase que este camiño colle forza”, conclúe Diego Otero.