Skip to main content
Cultura RIBEIRASACRAXAFolgoso do Courel

A oposición fala: Folgoso do Courel

Por 28 Abril, 2024Abril 29th, 2024Sin comentarios
Por Jessica Fernández.

Falamos con Óscar Carrete, portavoz de C@urel Vivo, e con Carmen Álvarez, portavoz do PSOE de Folgoso do Courel desde hai 9 anos e ata este venres, 26 de abril, cando entregou a súa acta.

Óscar Carrete é portavoz de C@urel Vivo desde 2015, cando el e outros compañeiros déronse de conta de que “o Courel perdía oportunidades e servizos ano tras ano e que os que había non melloraban nada, polo que decidimos concorrer ás eleccións pensando unicamente nos intereses da veciñanza do noso Concello, creando unha marca sen vinculación cos partidos supramunicipais”. Así, o 19 de xuño de 2015, C@urel Vivo entrou na Corporación Municipal cun concelleiro, en 2019 conseguiron dous concelleiros e no 2023 mantiveron os seus concelleiros.

Pola súa parte, Carmen Álvarez, portavoz do PSOE ata este venres, 26 de abril, cando tivo lugar o pleno mensual ordinario do Concello e no que decidiu afastarse da política despois de 9 anos, cando decidiu vincularse á política local porque “eu sempre fun unha persoa de esquerdas e nunha conversa con concelleiros socialistas daquela dixen que se eu fora alcaldesa, limparía os regatos e faría as obras ben, entón puxéronme á cabeza das listas nas eleccións de 2015 e conseguimos tres concelleiros, nas de 2019 conseguimos dous e nestas de 2023 só un, por iso dou un paso a un lado”, explica.

Con respecto ao labor de oposición, desde C@urel Vivo defenden que levan 9 anos traballando “con honradez e tratando de facer propostas construtivas, e apoiando no verdadeiramente importante para o Concello”. Ademais, a oposición, explican, “ten o difícil labor de revisar contas, presupostos, propoñer alternativas e criticar o que cre que se fai mal”.

No caso do PSOE, para Álvarez o papel da oposición consiste en ir aos plenos, levar mocións e informarse das necesidades dos veciños para comunicalas ao Goberno local. Porén, explica que a contestación do equipo de Goberno “sempre é a mesma: que non hai cartos e que se fai o que se pode, dicindo que non a todas as nosas propostas, aínda que despois lévanas a cabo tempo máis tarde e presumen de que son iniciativas deles”. Ademais, a exportavoz explica que intentaba fiscalizar e controlar o labor de Goberno, “pero nolo poñen difícil porque cando pedimos algo, sempre nos dixeron que non nolo podían dar”.

Labores da oposición e as necesidades de Folgoso do Courel

Óscar Carrete sostén que “se C@urel Vivo non existise, no noso Concello aínda habería menos transparencia e non se farían cousas que se fixeron”. Así, explican que desde que entraron na Corporación municipal, grávanse os plenos e póñense a disposición da xente a través das redes sociais. Ademais, din que o Equipo de Goberno “fixo cousas que nos parecen ben, aínda que moitas, tras votar que non no pleno, as levaron a cabo eles, aínda que o importante foi que se levaron a cabo”. Tamén destacan que no 2020 doaron as dedicacións dos dous concelleiros para a compra de máscaras e Emerxencia Social, e durante o gran lume hai 2 anos, “trouxemos cursos, como os de Primeiros auxilios, Catastrazo, Factura da luz, Xornadas de Erradicación de Mimosas, e un largo etc”.

Pola súa parte, Carmen Álvarez destaca o labor do PSOE en canto á relación que ten co Goberno da Deputación de Lugo, que colabora co Concello no SAF e que o Plan Único distribúe cada ano 265.000 euros para dedicar ao que o Goberno local decida.  Por outra parte, cre importante escoitar o que lle din os veciños, pero ela explica que o que teñen que facer é “queixarse nas furnas e que nos manifestemos, pero a xente non quere facer nada”.

Con respecto ás necesidades do Concello, desde C@urel Vivo din que a primeira necesidade é a residencia e o centro de día de maiores, “que foi unha promesa de hai 20 anos coa que non se fixo aínda”. Por outra banda está a mellora da estrada LU-651, que “leva anos de atraso e as obras están paradas”. En Atención Primaria, “o Sergas non está a cubrir os días que estamos sen médico, só hai un facultativo para atender dous centros de saúde e domicilios”, algo que tamén destaca a socialista na súa exposición de necesidades. Ademais, comentan a “falta de casas de para alugar”, o que tamén comparte Carmen Álvarez, e as comunicacións, “que tamén son un freo para a  xente que se quere asentar na zona”.  Por último, comentan a necesidade de recuperar o Antigo Camiño que ía a Santiago e un Parque Natural, que “serían proxectos moi importantes”.

Carmen Álvarez engade, a estas, a necesidade dun transporte público a demanda, que sirva para que as persoas que o necesiten poidan ir conxuntamente a onde necesiten para ter as súas citas médicas, “xa que o taxi a Lugo custa uns 120 euros e a Monforte, polo menos 70”, explica. Por outra banda, tamén comenta a necesidade de ter unha brigada antiincendios permanentemente “para protexer a paisaxe, as rutas, os sendeiros… e ter os camiños limpos para evitar os incendios. Por último, ademais de compartir con C@urel Vivo a necesidade de ter máis médicos no Concello e o problema da vivenda, destaca que “non temos servizos, nin telefonía nin de internet; as comunicacións son terribles”.

A política, a nivel persoal

A nivel persoal, Carrete explica que a política serve para “poder loitar pola miña terra, que é unha das cousas máis gratas que se poden facer, pero supón esforzo, moita inversión de tempo e diñeiro, aínda que merece moito a pena” Ademais, di que as cousas “non van cambiar soas, non a menos que lle botemos ganas e esforzo e teño a sorte de traballar cun gran equipo, o que o fai todo máis doado e efectivo”.

Pola súa parte, Álvarez di que foi satisfactorio por coñecer xente do Courel e os pobos, pero destaca os sacrificios que supón, xa que “tes que estar pendente de facer cousas, ir aos plenos, preparar, e máis traballando, que eu non vivo da política. De feito, metinme na política porque xa tiña unha idade para poder dedicarme a isto porque o meu fillo xa era maior. Pensei que se podía facer algo máis, pero logo é decepcionante, xa que que ves as cousas, as formulas e non hai forma de que entren en razón”.

Ademais, comenta a exportavoz socialista, cre que sería interesante chegar a acordos para cambiar de Goberno, pero nas últimas eleccións non chegou a un acordo con C@urel Vivo porque “eles querían encabezar a coalición e poñer de segundo a un concelleiro seu e parecíanos inxusto. Parecíanos ben que eles encabezaran, pero o lóxico era que o segundo da coalición fora un concelleiro noso do PSOE. Os partidos de esquerda tivemos 40 votos de diferencia con respecto ao PP, foi unha mágoa”, explica.

Pola súa parte, Óscar Carrete defende que, “institucionalmente, temos diferenzas de fondo e vemos o Concello con distintos ollos e o Goberno cre que nunca se equivoca nin colle as culpas de nada. Apañan méritos do que se fai, pero se non se fai a culpa e doutros. Pola nosa parte tratamos de aparcar as diferenzas e traballar a favor da veciñanza”. Así, defenden que O Courel “non pode agardar máis. É un gran Concello con enormes potencialidades que se está desangrando porque o goberna xente que non cree nel. Nada é para sempre e cando teñamos a confianza da maior parte da xente e doutras forzas, construiremos un novo goberno”.