Skip to main content
A Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón acolle unha gran programación para esta fin de semana

Por 26 Abril, 2024Abril 27th, 2024Sin comentarios

Comeza unha fin de semana na Pobra do Brollón cunha intensa actividade cultural e festiva da man da programación, que arranca este venres cunha foliada guímara na parroquia de Eixón.

Aproveitando o patrón da parroquia, San Xurxo, será unha foliada con temática literaria na que se anima aos asistentes a levar algún libro de segunda man para intercambiar. Ademais, porase a disposición unha caixa de suxestións para compra de libros da Biblioteca municipal da Pobra do Brollón.

Animando a foliada estará o grupo Grolo, dúo de saxofón e guitarra que fan música tradicional fusionado. A comisión de festas de Eixón poñerá barra e caldo comunitario, para o que animan aos asistentes a levar cunca e culler.

O sábado trasládase a festa á parroquia de Vilachá de Salvadur, concretamente á aldea de Trasmonte, onde o Furancho O Currio recupera a festa de San Marcos. A xornada comeza ás 12.00 horas cunha alborada e paseo por Trasmonte da man da veciñanza e vermú final en O Currio. Pola tarde, ás 16.30 horas haberá campionato de tute e a partir das 20.00 horas actuará o Dúo Millenial.

A actividade da fin de semana péchase o domingo coa obra teatral ‘Boa sorte, mala fama’, da compañía Tarabela Creativa. O espectáculo, escrito e dirixido por Carmen Conde, combina narración oral, música ao vivo e interpretación actoral para contar a historia máis incómoda da nosa emigración a través de distintas épocas e persoas.

A obra será ás 19.00 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ con entrada libre ata completar aforo e o espectáculo conta cunha axuda da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.