Skip to main content
A Pobra do Brollón

Catorce grupos actuarán durante a XXXI Feira do Viño de Vilachá na Pobra do Brollón

Por 27 Abril, 2024Maio 9th, 2024Sin comentarios

A Feira do Viño de Vilachá celebra a súa edición número 31 a primeira fin de semana de maio no conxunto de adegas medievais da Abelaira, parroquia de Vilachá de Salvadur, concello da Pobra do Brollón.

Tras ampliar un día máis a feira o ano pasado, nesta edición novamente a feira durará tres días, dende o venres 3 ata o domingo 5 de maio. Tamén se mantén outro dos cambios dos últimos anos: a creación de dous circuítos, un de colleiteiros e outro de adegas.

As propostas do ‘circuíto adegas’ poden estar radicadas ou non no Concello, pero si deben posuír viñas na ribeira de Vilachá. Participarán este ano sete adegas: Acivro, Adega Vella, Bico de Lagar, Adega Curuxo, Adega Sernande, Tolo do Xisto e Val do Frade.

O ‘circuíto colleiteiros’define unha ribeira, a de Vilachá, que aínda conserva un sistema produtivo bastante tradicional. Como o ano pasado, os colleiteiros deberán certificar a seguridade dos viños ofrecidos mediante as correspondentes analíticas e certificacións. Nesta edición haberá dez colleiteiros: Al-De, Aridas, Beatus Ille, Couso, Fidalgo, José Rodríguez López, Morales, Outeiro, Os Conventos e Pedro. Os colleiteiros participantes poderán optar polo premio do xurado e do público.

Haberá un posto onde se facilitará aos público as tarxetas de votación, que deberán ir seladas por ao menos oito dos dez colleiteiros para poder emitir o voto.

Como convidadas, participan a adega A Carqueixa e a Asociación das IXP (Indicacións Xeográficas Protexidas) de Viños de Galicia e as adegas e colleiteiros participantes estarán identificados con letreiros da organización. Os que non posúan letreiro da organización, non forman parte de ningún circuíto.

Dúas catas diferentes e unha cata-concurso

A edición 31 da Feira do Viño de Vilachá contempla dúas catas diferentes, e mais unha cata-concurso. A primeira será unha cata ambulante musical, guiada por Juanjo Figueroa, músico e presidente da Asociación Galega de Sumilleres, e o músico local e viticultor Suso 40. Esta cata circulará o venres a partir das 21.00 horas polo ‘circuíto adegas’, degustando un total de sete viños.

A segunda cata é o sábado ás 13.00 horas e dedicarase aos viños das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia. Será guiada por Martiño Santos e Xosé Gontá, responsables da vinoteca compostelá Vide, vide!

O domingo ás 19.00 horas rematará a Feira cunha cata-concurso na que o xurado probará e comentará os viños do circuíto de colleiteiros para elixir o gañador do premio do xurado.

Como todos os anos na Feira do Viño de Vilachá, a música estará sempre moi presente. Tanto sábado como domingo, a Feira estará animada por grupos de cantos de taberna. Participan nesta edición catorce grupos que circularán polas adegas ao longo de ambas xornadas. 

No pregón, a cargo de Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres, tamén actuará a Escola de Música Samoeiro, que terá lugar o domingo ás 13.00 horas no palco da festa da Abelaira.

Ademais de gozar da música e do viño, haberá varias propostas gastronómicas. Ao igual que outros anos, instalaranse postos de polbo tanto sábado como domingo. A maiores, haberá postos variados (embutidos, queixos, xeados…) e varias adegas levarán opcións culinarias.

Este ano dende a área de Servizos Sociais do Concello tamén se poñerá un Punto Violeta para ofrecer información, acompañamento e apoio en relación a calquera tipo de agresión machista.