Skip to main content
Monforte

O Goberno local de Monforte e a Xunta puxeron en valor o labor educativo do IES A Pinguela

Por 27 Abril, 2024Abril 28th, 2024Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, participaron nos actos de conmemoración do 40 aniversario do Instituto de Educación Secundaria de A Pinguela.

Na súa intervención, que serviu para pechar o acto oficial, o rexedor monfortino destacou que “é un día importante na historia do sistema educativo de Monforte de Lemos porque conmemoramos os 40 anos de vida do Instituto de Educación Secundaria da Pinguela, que abriu as súas instalacións alá polo ano 1983”, motivo polo que felicitou á institución en nome de todos os monfortinos e monfortinas.

O rexedor salientou a dedicación deste centro educativo, que “durante 40 anos formaron e educaron aos nosos adolescentes nunha etapa tan crucial como é a ensinanza secundaria e a formación profesional, que son claves para conformar o seu futuro profesional e vital”. Na súa felicitación, José Tomé incluíu a todos os docentes, persoal administrativo e laboral que traballaron e traballan ó longo destes 40 anos de historia deste centro educativo. E tamén resaltou a labor dos diferentes directores que pasaron polo centro: Manuel Balea, Joaquín Trujillo, José Ramón Casanova e o actual director, Enrique Sampil, que leva na dirección dende o ano 2000.

Tomé tamén fixo un repaso pola historia do centro, que abriu as súas portas no ano 1983 e inicialmente as materias impartidas estaban relacionadas coa Formación Profesional, como Administración ou Perruquería e Estética, pero no ano 1996 ampliou a súa oferta incorporando a Educación Secundaria Obrigtoria, e posteriormente, no ano 2000, o Bacharelato.

As estatísticas afirman que foron máis de 7.000 alumnos e alumnas os que se formaron no IES A Pinguela dende a súa fundación e hoxe en día, o IES A Pinguela conta cuns 520 matriculados e 79 docentes, do que dá boa mostra da importancia que este centro educativo ten na nosa cidade.

Tamén fixo José Tomé na súa intervención un alegato a favor da educación e do sistema educativo público: “Ao longo da historia, o crecemento económico, o progreso ou os avances democráticos foron sempre da man da educación, que é un dereito constitucional fundamental, sobre todo da man do ensino público”. E continuou: “Se queremos camiñar cara un futuro de desenvolvemento, de creación de emprego, de innovación, de respecto ao medio ambiente e ós valores de solidariedade, ou de impulso da cultura, só o podemos facer da man dun sistema educativo ben deseñado e ben financiado”.

José Tomé tamén abogou pola necesidade dun “sistema educativo dotado de recursos suficientes, que motive aos profesores e que garanta que os alumnos e as alumnas teñen dereito a unha educación universal e de calidade con independencia do lugar no que vivan ou dos recursos que teñan as súas familias”.

Neste senso, o rexedor afirmou que “o IES A Pinguela cumpre con ese fin educativo primordial, que é proporcionar unha educación democrática e de calidade. Así o leva facendo ó longo de 40 anos e espero e desexo que o siga facendo no futuro, onde ten que seguir xogando un papel moi importante”.

O mandatario monfortino concluíu a súa intervención dándolle ao IES A Pinguela os “parabéns por estes 40 anos de historia viva da nosa cidade, e moitos folgos para seguir educando os nosos xóvenes porque eles e elas serán os que constrúan a nosa sociedade e o noso futuro. Podedes sentirvos orgullosos e orgullosas do traballo feito”.

Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que tamén participou no acto institucional, destacou a traxectoria do instituto, que foi medrando e adaptándose aos distintos modelos educativos ata converterse, a día de hoxe, “nun referente para a comarca”. Ao respecto, apuntou que “o impulso á Formación Profesional apuntalou a proposta do centro como unha das de maior variedade e calidade da contorna”. Na mesma liña, lembrou a ampliación levada a cabo pola Xunta no 2021 para dar resposta ás necesidades de espazo dos ciclos formativos, e afirmou que o Goberno galego seguirá traballando “para que dispoña das mellores instalacións e dotacións, acorde co alto nivel da aprendizaxe que se imparte”.