Skip to main content
Sarria

A Noite Meiga, máis preto de ser declarada Festa de Interese Turístico Galego

O pleno ordinario de Sarria, que se celebrou o xoves 25 de abril, supuxo a aprobación de diferentes propostas para mellorar a vida da veciñanza da vila.

Así, foi aprobada por unanimidade a petición da Asociación Meigas e Trasgos para pedirlle á Xunta a declaración de Festa de Interese Turístico Galego da Noite Meiga, xa que todos os partidos da Corporación Municipal amosaron o seu apoio a este evento tradicional e propio do municipio.

Por outra banda, o PP conseguiu aprobar as súas dúas mocións, nas que pedía a posta en valor do río Celeiro, coñecido tamén como río Pequeno, “con todas as accións que sexan necesarias para favorecer un maior protagonismo como patrimonio natural e paisaxístico do noso municipio”, aprobada cos votos a favor de todos os partidos agás o de Camiña Sarria; e a moción sobre a instalacións de desfibriladores en distintos puntos do municipio para converter Sarria nunha vila cardioprotexida.

O BNG tamén acadou o obxectivo de aprobar as súas mocións, referidas a pedir á Xunta que acometa un peche perimetral “seguro que evite accidentes co alumnado” na contorna escolar do Frei Luís de Granada; e outra para pedirlle ao Concello a adquisición e rehabilitación dos coñecidos como “pendellos do polbo”.

Con respecto ao PSOE, tamén se aprobou a súa moción, na que pedía que dende a administración local se tomen as medidas oportunas, en colaboración coa Xunta de Galicia, para a implantación no municipio dos ciclos formativos de Cociña e restauración, Cociña e gastronomía e Dirección de Cociña.

Por último, o Goberno local adxudicou o prezo por hora do SAF en 20,03 euros e aprobou a ordenanza fiscal da auga, do lixo e da depuración cos votos a favor de Camiña Sarria, a abstención do PSOE e do BNG e o voto en contra do PP.