Láncara acolle unha exhibición de ximnasia rítmica e de kung fu o mércores

SarriaXa

A Anpa do CPI Ramón Piñeiro, na Pobra de San Xiao, en Láncara, organiza unha exhibición deportiva o mércores 1 de maio, ás 10.

29 abr 2024

A Anpa do CPI Ramón Piñeiro, na Pobra de San Xiao, en Láncara, organiza unha exhibición deportiva o mércores 1 de maio, ás 10.30 horas, no pavillón deportivo municipal.

Esta exhibición está dividida en dous bloques: un de ximnasia rítmica e outro de kung fu, froito do  adestramento e o traballo de alumnado e profesores nesta actividade extraescolar que organiza a  asociación de nais e pais.

En ximnasia rítmica, as 22 alumnas, dirixidas por Lucía Sánchez Castro, realizarán 15 exercicios  grupais e individuais, adaptados ás súas idades e coñecementos, e con diferentes accesorios, como  corda, pelota, aro ou mazas.

En kung fu, o adestrador Jose Nunes traballa semanalmente con 7 nenas e 9 nenos e rapaces, e preparou un especial dedicado á historia das mulleres nas artes marciais para  fomentar a práctica deste deporte entre as nenas.

Así, no transcurso de catro escenas diferenciadas, realizarán exercicios de rodadas, ataques e diferentes coreografías, incluíndo tamén accesorios  como dardos chineses, varas ou lanzas.

Total apoio do comercio local

Como esta actividade extraescolar non é gratuíta e son as familias as que deben asumir o custo mensual de levala a cabo, varios membros da asociación traballaron para recadar patrocinios e así  poder celebrar este evento.

Así, atoparon como apoio grandes empresas como Leche Río, Leyma, Quescrem e Fontecelta, e en institucións como o Concello do Corgo ou o Muvicla. Pero o apoio máis importante foi o do comercio local, que deixou patente o seu apoio ao deporte e ás nenas e nenos que van a formar parte da exhibición deportiva, achegando axudas económicas e en produtos.