Skip to main content
AlfozComarca TERRACHÁXA

“Queremos poñer o rural galego no sitio que se merece e unha industria forestal aínda máis forte”

Por 23 Abril, 2024Abril 24th, 2024Sin comentarios

Jorge Souto é o xerente actual de Hijos Ramón Rubal.

Hijos de Ramón Rubal é unha empresa familiar fundada no 1936 actualmente rexentada pola cuarta xeración. “Estamos considerados como unha empresa seria que foi de menos a mais dende a súa creación”, explica Jorge Souto, responsable da empresa que ofrece unha visión de como está o sector hoxe en día.

Como ve a saúde do sector madeireiro na provincia hoxe en día?

Considero que o sector forestal na provincia está forte, cunha maquinaria punteira con empresas consolidadas que son capaces de sacar unhas boas producións malia o minifundio. Coas infraestruturas que temos e a burocracia que hai que soportar para cortar unha leira, conseguimos unha boa produción.

Que cambios máis destacados se perciben nos últimos tempos?

Eu destacaría que a procesadora foi unha máquina que fixo cambiar a forma de traballar o monte tanto a nivel de traballo físico como de producións. Os autocargadores forestais actuais, e tamén as taladoras, tamén inflúen á hora de facer mellor os aproveitamentos. En xeral, o aproveitamento forestal de hoxe día non se parece en nada ao de fai aproximadamente 15 ou 20 anos. No tema dos serradoiros, as principais melloras están na automatización das máquinas. A forma do aserrado é a mesma, o que cambiou foi que se quitou a manipulación da madeira manualmente por equipos que o fan en automático chegando ao extremo de que ningún operario toca a madeira ata a clasificación final para servir ao cliente.

Segue a ser Galicia un centro de produción madeireira?

Galicia é un centro de produción de madeira e ten capacidade para moitísimo máis si fósemos capaces de poñer a producir o monte abandonado, e poñeríase no mercado moitos metros cúbicos de madeira que crearían unha gran riqueza.

Axuda ou entorpece a lexislación actual o traballo?

Non temos unha lexislación que nos impida cortar madeira, ese non é o problema. O problema está na cantidade de permisos que temos que solicitar para unha pequena tala, e o tempo que temos que esperar pola resposta de cada un deles… como pode ser Medio Rural, Patrimonio, Augas de Galicia, Confederación, Costas, Carreteras, Adif, concellos…

Que necesidades ten a día de hoxe o sector?

Un dos problemas principais que temos é coas vías municipais. Tanto o sector forestal como o agrario mellorou moitísimo a maquinaria e adaptámola ao que a actual industria nos esixe, o que permite ser competitivos; e por outro lado as vías de saca están igual agora que fai vinte anos e non soportan a maquinaria actual. Estas vías de saca son as mesmas para a saca de madeira que para o servizo das vivendas. O sector forestal si que pode manter as pistas de terra en boas condicións, reparalas despois dun aproveitamento pero non podemos reparar as pistas asfaltadas que se estragan por un uso normal dos mesmos, nós non temos culpa que no seu día se asfaltaran sen ter firme algún.

E as principais ameazas?

Outro dos problemas máis graves que ten o sector é a banda marrón que sofre o pino radiata. A industria cada día demanda máis a madeira de piñeiro radiata e a aplicación desta especie cada vez é maior. Ao paso que avanza a enfermidade, en 4 ou 5 anos non teremos un pino radiata san. A zona de Asturias xa está completamente seca e a Mariña tamén está moi afectada, por este motivo, véxoo como un problema moi grave que afectará en breve principalmente o aserrío.

Como se garante a continuidade nun sector que ten unha materia prima que necesita relevo?

Para garantir que o sector siga, hai que poñer en valor o monte, que está abandonado, buscar algunha conífera que substitúa ao pino radiata, adaptar as vías á maquinaria actual, simplificar os trámites administrativos e que sexan os mesmos en todos os concellos. Pola parte que nos toca, o sector está formado por xente nova preparada, con ilusión e ganas de seguir investindo. Queremos poñer o rural galego no sitio que se merece e facer unha industria forestal aínda máis forte do que xa é.

“A procesadora foi unha máquina que fixo cambiar a forma de traballar o monte tanto a nivel de traballo físico como de producións”